O peche na central de Correos en Vigo, que durou nove horas, tiña por obxecto forzar os responsábeis da compañía a manter unha xuntanza cos representantes dos traballadores/as, polo que se suspendeu unha vez que a reunión se produciu. Dende a CIG explicaron que non foi posíbel chegar a un acordo porque a empresa non se move da súa posición e négase a dar marcha atrás na decisión de eliminar os 13 postos.
Mañá mesmo continuarán coas mobilizacións, aínda que nesta ocasión trasladaranse a Santiago, onde teñen previsto realizar unha concentración de protesta fronte á dirección territorial de Correos, na rúa de Franco, dende as 10.00 até as 12.00 horas. O conflito laboral está a provocar a acumulación de milleiros de obxectos sen repartir.