Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Colectivo de promotores/as de emprego denuncia a eliminación de 109 postos de traballo para substituílos por ETTs

CIG, CCOO, UGT, CSI-F e CNT defenden a prórroga dos contratos e que a administración procure unha alternativa orzamentaria para o seu mantemento
O Colectivo de promotores de emprego vén de denunciar, en rolda de prensa, a grave situación que se deriva da eliminación de 109 postos de traballo de persoal que está a desenvolver as súas funcións actualmente nas oficinas de emprego de Galiza. Consideran que a súa supresión é un paso máis no desmantelamento dos Servizos Públicos, nomeadamente das oficinas de emprego e que ten como obxectivo a súa progresiva substitución polas ETTs. Fronte a isto, defenden a prórroga destes contratos e que a Administración procure unha alternativa orzamentaria para poder manter estes postos de traballo.

A través do Real decreto-lei 13/2010, do 3 de decembro, contratábase a 1.500 promotores de emprego até, teoricamente, o 31 de decembro de 2012, garantíndose a súa estabilidade, funcións e financiamento durante os anos 2011 e 2012. Estes promotores sumábanse así aos 1.500 contratados en 2008. Porén, na disposición final 14 do proxecto de orzamentos de 2012 modifícase a data fin do cesamento da toma de posesión, adiantándoo a 30 de xuño de 2012, ou sexa dentro duns días. Isto sen ter notificado, en ningún momento, ese cambio ás/aos promotores.

Denuncian que con esta modificación da data de finalización de contratos, so pretexto de que non hai cartos, estamos ante “despedimentos” ilegais e que isto si suporá un gasto. “O que sería caro é facer fronte ao contencioso por despedir a 1.500 funcionarios e funcionarias”.

Ante esta situación, demandan que se garanta o cumprimento da lei 13/2010 e, en consecuencia, que se asegure que as 109 persoas contratadas como promotoras non finalizan o seu contrato, en ningún caso, antes do 31 de decembro de 2012.

Propoñen ademais que se estabeleza unha mesa de diálogo para prorrogar, até que a situación actual de desemprego mellore, a contratación destas persoas así como a continuidade das demais medidas de orientación, formación profesional e inserción laboral.

Xunto a isto, solicitan que se garanta unha dotación orzamentaria digna dos Servizos Públicos de Emprego para equiparar o estado español á media da UE en gasto público de políticas activas de emprego e de rateo de profesionais dedicados á atención de cada persoa desempregada.

Empresas con ánimo de lucro

A xustificación para adoptar esta decisión é, segundo o goberno do PP –e aparece recollida ademais na propia exposición de motivos do decreto 3/2012-, que os Servizos de Promoción de Emprego “mostráronse insuficientes na xestión de colocación, cunhas taxas de penetración moi escasas dentro do total de colocacións” e que, pola contra, as ETTs reveláronse como un “potente axente dinamizador do mercado de traballo”, por iso se autorizan a operar como axencias de colocación.

“Con este cambio benefíciase aos empresarios, pois o uso das axencias privadas de colocación con ánimo de lucro e ETT pasará a ser un servizo gratuíto, financiado polo Estado e incrementando o gasto, inexplicabelmente contrario ás políticas de ‘austeridade’ que di priorizar este Goberno”, denuncian.

Consideran que é difícil crer que unha ETT ou unha entidade con ánimo de lucro vaia preocuparse dos perfís desfavorecidos e advirten de que a consecuencia será a apertura “dunha brecha entre persoas preparadas e as non preparadas, obxectivo que contradí claramente as recomendacións da UE”. Isto alén, de alertar de que unha ETT “ao tratarse dunha empresa, como é lóxico, busca un beneficio e vai priorizar só o que dea diñeiro”.

Fronte a isto lembran que tanto a UE (estratexia europea) coma o Estado (Programa Nacional de Reformas 2012) como a Xunta (Consello de Xunta do 18 de maio de 2012) están de acordo no necesaria que é a orientación e que cada persoa conte cun itinerario para facilitarlle a inserción laboral. Por iso, din “non se entende moi ben que para levar a cabo o que pon o seu propio programa tomen como medida despedir ao persoal que o estaba a desenvolver”.

cig.prensa@galizacig.com