Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 28/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Seixo chama a mobilizarse contra a estafa do rescate financeiro e esixir responsabilidades políticas e penais para os culpábeis

O Secretario Xeral, que participou na xornada de loita convocada pola Unión Comarcal de Ferrol, animou a manifestarse coa CIG o domingo 1 de xullo
O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, fixo hoxe, no marco da xornada de loita convocada na comarca de Ferrol, un chamamento á participar nas mobilizacións que o próximo domingo, 1 de xullo, vai realizar a central sindical en contra da estafa á clase traballadora que supón o rescate das entidades financeiras.

Seixo fixo esta chamada a continuar na mobilización durante a súa intervención ao remate da manifestación deste xoves en Ferrol. De aí que elixise o exemplo da crítica situación que vive o sector naval desta comarca para reflectir a virulencia coa que funciona o sistema económico capitalista que “parasita e abandona aos sectores produtivos e pon toda a orde económica en función dos intereses do capital financeiro, dos banqueiros, dos especuladores, que cada vez concentran máis poder económico e político”.

O rescate financeiro, asegurou, pon ás claras que o problema do Estado español non está na débeda pública, senón na débeda privada, principalmente en mans da banca vinculada ao negocio inmobiliario. “Antes fixeron o gran negocio co prezo da vivenda e agora temos que ser as/os cidadás/ns quen paguemos os seus pufos”.

Porén, é o propio Estado español quen ten que converterse en garante de pagar o rescate e abonar un elevadísimos xuros “porque o Banco Central Europeo está actuando ao servizo da banca e dos especuladores, para que fagan o gran negocio a custa do erario público e de roubarnos a todos/as”.

Por iso, afirmou que é rotundamente falso que o rescate do sector financeiro español non vaia ter consecuencias negativas para a cidadanía, como se pretende facer crer dende o Goberno de Mariano Rajoy. Para comezar, destacou, cámbiase a débeda privada por débeda pública; movemento que ofrecerá a escusa perfecta para seguir afondando nas políticas de recorte do gasto público e recorte de dereitos laborais e sociais.

“Tanto a UE como o PP saben que estas políticas non nos van sacar da crise. O que quere o capital financeiro é aproveitar a situación para precarizar, rebaixar salarios, desmantelar os dereitos laborais e facerse co gran negocio do ensino, da saúde, das pensións,...”, continuou. Pondo así as economías dos estados “supostamente rescatados” ao servizo do capital financeiro europeo e converter en monicreques aos gobernos deses estados. 

Fronte a este afastamento e centralización do poder, Seixo pulou por avanzar na consecución dunha Galiza soberana, que teña capacidade para gobernarse e decidir naquelas materias básicas para garantir o seu desenvolvemento económico, social, laboral ou cultural, e capaz de facer políticas mirando polos intereses da maioría social.

O Secretario Xeral da CIG subliñou que hai que parar este saqueo á clase traballadora e esixir responsabilidades políticas, pero tamén penais, aos culpábeis desta crise. “Hainos que meter na cadea, porque eses si que supoñen un perigo para a sociedade e non os dirixentes sindicais contra os que a fiscalía non ten reparos en actuar de oficio”.

Do mesmo xeito, chamou a seguir na mobilización para rexeitar estas políticas antiobreiras, para botar das institucións aos responsábeis das mesmas e para esixir novas políticas e outro modelo económico e social.

Horarios e lugares das manifestacións da CIG do 1 de xullo:

-A Coruña: ás 12:00 horas  dende a Praza de Vigo.

-Santiago: ás 12.00 horas dende a Praza Roxa.

-Lugo: ás 12:00 dende a Ronda da Muralla (edificio sindical).

-Ourense: ás 12:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.

-Pontevedra: ás 12:00 horas dende a Praza da Ferrería.

-Vigo: ás 12:00 horas dende o cruce da Doblada.

-Vilagarcía de Arousa: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar.

-A Estrada: ás 12.00 horas dende a Praza do Concello.

cig.prensa@galizacig.com