A semana pasada Mariano Rajoy apuntaba que a posíbel fusión das Caixas Galegas levaría a un “porrón de despidos”, esquecendo o impacto sobre o emprego de calquera fusión e, en concreto, da liderada polo seu partido. A absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid e a CAM tería un impacto directo sobre os Servizos Centrais en A Coruña, a Obra Social e as empresas auxiliares, afectando a máis de 2.000 postos de traballo directos nesta cidade.
Caixa Galicia conta con 464 oficinas en Galiza, Caja Madrid con 44 e a CAM con 3, a media de empregados por oficina no sector sitúase en 5, polo que o peche destas oficinas afectaría a preto de 250 persoas máis.
Pero tamén, por experiencias de anteriores fusións, dende a CIG-Banca lémbrase que unha empresa de ámbito estatal non mantería a mesta rede de oficinas na Galiza, polo que o número de postos de traballo afectados podería duplicarse a medio prazo. A modo de exemplo, o BBVA ten 219 oficinas en Galiza e o Santander 132.
Máis de 400 oficinas no resto do Estado
No resto do Estado, Caixa Galicia conta con 410 oficinas, 60 en Valencia e 63 en Madrid onde tamén dispoñen de Servizos Centrais, polo que as duplicidades se repetirían fóra de Galiza, afectando a case 600 postos de traballo.
A absorción de Caixa Galicia tería gravísimas repercusións sobre o emprego. Utilizando os termos demagóxicos do líder do PP a absorción por Caja Madrid e a CAM tamén levaría a un “porrón de despidos”.
Por último, deixar claro que calquera intento de absorción nestes termos non sería pacífico, a CIG e os traballadores e traballadoras de Caixa Galicia non quedarán de brazos cruzados ante a posíbel perda de milleiros de postos de traballo, ante calquera tentativa de reconversión traumática, nin ante a perda do carácter galego de Caixa Galicia ou Caixanova.