Para iso preparou unha enquisa que impedía que os pais ou nais puidesen posicionarse a prol dun ensino en galego ou maioritariamente en galego, pois tal e como estaban confeccionadas as preguntas (só se preguntaba por materias troncais) o máximo que se podía consignar era a metade das materias en galego, tal e como recolle o actual decreto.
Pero, alén diso, introducíase unha equívoca cuestión sobre o ensino en inglés, de maneira que se obtivese como resultado a redución de número de horas en galego para dar cabida á disposición favorábel dos pais ao ensino dun determinado número de materias en inglés. Así pois non houbo realmente unha consulta na que os pais puidesen deixar constancia de cal é a súa posición, senón un inquérito amañado para apoiar unha decisión xa tomada desde o primeiro día da lexislatura: reducir a presenza do noso idioma no ensino, e en todos os ámbitos, para contentar a un reducido número de persoas e aos sectores máis reaccionarios da sociedade.
Vulneración do consenso
Esta consulta vulnerou o consenso acadado no seu día, coa aprobación do Plan Xeral da Lingua Galega, e os pronunciamentos dos lexítimos representantes dos pais. “Foi unha manobra para a imposición do pensamento único contra a nosa lingua, feita con toda a prepotencia posíbel, mesmo prohibindo o exercicio dos dereitos fundamentais aos docentes, para impedir que os pais coñecesen o verdadeiro alcance da consulta, sobrecargando o traballo dos centros educativos xusto no final de curso e apuntando cara a un modelo de ensino elitista que ve no uso do inglés como lingua vehicular unha modernización que na realidade pode dar lugar a un maior fracaso escolar e que vulnera o obxectivo dun sistema educativo de calidade, que non é reforzar o estudo en lingua estranxeira”, critícase dende a CIG-Ensino.
A consulta non cumpriu con ningún mecanismo de control democrático e non reúne as garantías de participación de todos os pais e nais. “Foi unha auténtica chapuza, o que deslexitima o seu resultado calquera que sexa. O propio atraso na presentación dos resultados, que supera a data indicada pola Consellaría dá a entender canto de preparado ten este proceso e introduce aínda máis sombras sobre o seu resultado”.
A cargo dunha empresa privada
Este cúmulo de irregularidades agora veñen de ser completadas ao ser unha empresa privada,sen ningún tipo de control público, a responsábel dos resultados, condicionados e dirixidos para que o Sr. Conselleiro teña unha xustificación tramposa para cometer unha agresión máis ao noso idioma co obxecto do seu exterminio. “Para minusvalorar e desprezar o noso idioma non existe austeridade senón despilfarro”, denuncian dende CIG-Ensino.
Mentres, redúcese o profesorado nas Escola Oficiais de Idiomas, reagrúpase alumnado de distintos ciclos nunha mesma aula, desaparece a gratuidade dos libros de texto, redúcense prazas nos Centros de Recursos e Formación do Profesorado, etc. “Sen lugar a dúbidas, estamos no balanzo máis nefasto e españolista dos primeiros 100 días de todos os gobernos que tivo a Galiza”.
“A CIG-Ensino considera un engano esta enquisa e o seu resultado e non consideramos lexítimo nin o proceso nin as súas conclusións. Continuaremos demandando o mantemento do Decreto 124/2007 e por tanto unha presenza mínima do 50% da nosa lingua no ensino e que o galego siga sendo a lingua da Administración Educativa Galega, como única vía posíbel para garantir o avance na normalización do noso idioma, salvagardar os dereitos lingüísticos do alumnado galego e dar cumprimento á Carta Europea das Linguas e o Plano Xeral de Normalización”.