Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Protesta lúdico-reivindicativa contra o “falecemento” do servizo público de Correos

Delegados e delegadas maniféstanse contra os recargos no traballo
Simulando os actos fúnebres pola morte do servizo postal público “despois dunha longa enfermidade provocada pola ineptitude e deixamento dos dirixentes de Correos e coa pasiva bendición dos partidos políticos”, delegados e delegadas de Correos desenvolveron unha protesta lúdico-reivindicativa en contra dos recargos e na defensa dun servizo público de cualidade.

Entre sorprendida e divertida, a cidadanía de Compostela asistiu aos actos de protesta levados a cabo esta mañá por delegados e delegadas de Correos en contra da sobrecarga de traballo e a perda de cualidade do servizo e demandando a contratación de novo persoal para cubrir as ausencias (baixas, vacacións, permisos, etc.). “O que reclamamos é que se cumpra a Lei Postal, que se reparta o correo cada día e que se cubran todas as ausencias”, explicou Anxo Álvarez, responsábel de Organización da CIG-Correos.

Os actos fúnebres comezaron ás nove e media da mañá diante da carteiría de Pitelos, tras a celebración dunha asemblea de traballadores/as, cunha concentración “de pésame” polo defunto, acompañado en todo momento por curas, monxas, acólitos e achegados, que encomendaron o corpo do finado aos responsábeis territoriais, por ver se eran quen de devolvelo á vida.

Dende alí, o séquito fúnebre conduciu o cadaleito até as portas da Oficina principal e sede da dirección Territorial de Correos en Galiza, onde desenvolveron unha segunda concentración de pésame ante a mirada dos usuarios/as e peóns que, curiosos, non deixaron de tirar fotografías da escena que estaba tendo lugar.

Para finalizar os actos, os delegados e as delegadas enterraron simbolicamente o féretro no interior da oficina das Orfas.

Creación da coordinadora galega

A mobilización, que continúa coas protestas iniciadas hai meses polos traballadores/as de Correos en contra da sobrecarga de traballo e as políticas de recorte de persoal, foi convocada pola “Coordinadora galega de delegados/as de Correos contra os recargos”.

A plataforma, integrada polos delegados e delegadas de CIG, CGT, CCOO, CSI-CSIF, Sindicato Libre e USO, creouse o pasado 15 de xullo e ten como principal función a organización de protestas contra da sobrecarga de traballo, a nivel galego.

Anxo Álvarez adiantou que a coordinadora continuará convocando mobilizacións até que a dirección de Correos cumpra coas súas demandas. Ao mesmo tempo realizou un chamamento ao director territorial para “que se poña á fronte de Correos, de verdade, e traballe para ofrecer un servizo público de cualidade”.

Dende a central lémbrase que durante esta campaña estival téñense incrementado notablemente o número das zonas sen cubrir, feito que se traduce nunha sobrecarga para os traballadores/as e na acumulación de correspondencia pendente, prexudicando á cualidade do servizo e aos usuarios/as.

Máis imaxes

Podes ver máis imaxes do “enterro de Correos” pinchando aquí ou visitando a Galería de Imaxes da nosa web.

cig.prensa@galizacig.com