Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Banca rexeita o proceso de reconversión e privatización das caixas de aforros que promove a LORCA

Salienta que os resultados dos test de estrés constatan que as caixas son as entidades máis solventes do Estado e a súa viabilidade
Dende a aprobación do FROB, a CIG-Banca vén denunciando que estabamos ante o inicio dun proceso de privatización das Caixas de Aforros que seguía o guión de procesos anteriores noutras empresas públicas: unha fase de centralización e concentración, acompañada cunha fase de saneamento con diñeiro público e reconversión laboral impulsada polo FROB e, por último, a súa privatización e entrega a investidores privados a través da LORCA (Lei de Caixas Estatal). O FROB apoiado polo PSOE e o PP preparou o camiño, e a nova LORCA, pactada de novo polo PP e o PSOE a nivel estatal, avanza por varias vías no camiño da transformación das Caixas en bancos privados.

Xustifican a lei en base á necesidade de fortalecer a solvencia das Caixas e na necesidade de “despolitizalas”. Os que traballamos nas Caixas, sabemos que o problema non foron os cargos públicos nuns órganos de goberno que pouco pintaban fronte as Comisións de Alta Dirección. O problema foron os xestores que actuaron sen ningún tipo de limitación e control nun marco dunha supervisión laxa.

En canto a fortalecer a solvencia hai que lembrar que segundo os recentes estrés-test, dúas Caixas de Aforros son as entidades máis solventes do Estado por diante dos bancos privados: a BBK cun Tier1 do 14,1% e a Kutxa cun 10,6%, no escenario máis adverso. Por certo, as Caixas máis solventes non seguiron fielmente os ditados de CECA e tampouco aplican o Convenio Estatal polo que teñen as mellores condicións laborais: os nosos salarios non son os culpables da crise e baixalos non é a saída.

A solvencia da BBK e da Kutxa, por diante dos grandes bancos privados que contan con capital, demostra que a natureza xurídica das Caixas non é un problema; o problema das Caixas mal xestionadas está nas cúpulas directivas e nun modelo de xestión implantado dende CECA, que equiparou as Caixas coa Banca Privada e apostou pola súa transformación en entidades de carácter estatal a través da expansión. Convertelas en bancos de carácter estatal como pretende a LORCA non é a solución, esa foi a raíz do problema.

Negativo proceso de privatización

O proceso de privatización será negativo dende unha óptica laboral, como xa o foi o proceso de bancarización que sufrimos dende o ano 2005. E neste momento agroman as primeiras consecuencias froito do actual proceso de saneamento e reconversión. Estes custes laborais iniciais materialízanse a través da destrución de emprego nas fusións e nos SIP (na maior parte dos casos con prexubilacións instrumentalizadas a través de ERE); na implantación de medidas extraordinarias durante o proceso de reconversión (despedimentos pagados, mobilidade xeográfica sen límite, etc.), ou no persoal afectado polos SIP que ten a “opción” de pasar ao novo banco que substitúe as Caixas.

Foi por todo isto que dende o inicio do proceso de reconversión a CIG veu mobilizándose en solitario a favor do mantemento da natureza xurídica das Caixas, como mellor fórmula ademais para garantir o emprego e as condicións laborais.

Clodomiro Montero, secretario nacional da federación de Banca e Aforro da CIG afirma que “o modelo de Caixas é viable, o que non é viable laboral e socialmente é que continúen á fronte os malos xestores e se privaticen as Caixas de Aforros”.

cig.prensa@galizacig.com