Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 28/8/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, acudiu á concentración fronte a Povisa e amosou o seu apoio e o da Executiva da CIG á Consuelo Martínez, na imaxe.
A Policia Nacional apareceu nesta mobilización, solicitando a identificación dos responsábeis da concentración. 

Nova concentración contra a represión sindical no Hospital Povisa e pola readmisión da delegada da CIG, Consuelo Martínez

Suso Seixo acudiu á concentración para amosar a solidariedade da central sindical coa despedida
O último xoves de agosto volveu reunir a decenas de traballadores e traballadoras de Povisa, asi como compañeiros e compañeiras da CIG da comarca de Vigo, secretarios nacionais de Federacións da CIG e membros da Executiva da CIG, mesmo o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que se achegaron ás tres da tarde fronte a Povisa para amosar a solidariedade coa delegada da CIG no Comité de Empresa deste hospital, que foi despedida nun caso de represión sindical, despois da folga pola negociación do convenio deste centro de traballo. O 3 de setembro está convocada ás 12.30 no SMAC unha nova concentración de apoio e solidariedade, antes de que teña lugar o acto de conciliación.

Despois dunha asemblea no interior do hospital á saída da quenda da mañá, o xoves 27 de agosto tiña lugar unha nova mobilización de apoio e solidariedade con Consuelo Martínez, delegada da CIG e do Comité de Empresa de Povisa, que foi portavoz do Comité de Folga, e que foi despedida en pleno período vacacional do persoal, nunha clara tentativa de atacar á CIG e ao movemento sindical que a CIG representa neste centro médico.

Solidariedade do conxunto da CIG

A esta nova concentración, máis numerosa que en anteriores ocasións, acudiu o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen manifestou que "estou aqui non só para amosar a miña solidariedade a nivel persoal senón que queremos trasladar o apoio e solidariedade da Executiva e do conxunto da central sindical con Chelo".

Seixo subliñou que "isto supón un grave ataque contra a CIG e contra o tipo de sindicalismo que defendemos e polo que a CIG aposta, e que tamén se fixo sempre no hospital Povisa, polo que é importante dar unha resposta contundente a partir do próximo mes contra a represión sindical en Povisa, e sempre contarán co apoio da CIG en toda canta convocatoria se deseñe para facer fronte a esta situación".   

A Policia Nacional apareceu na mobilización

Perto das catro menos cuarto apareceu unha dotación da Policia Nacional, que foi chamada á petición da dirección de Povisa, e que solicitou a identificación dalgunha persoa responsábel da convocatoria, nunha nova tentativa de acalar a solidariedade activa con Consuelo Martínez, desta volta coa aparición da Policia Nacional.

3 de setembro, data no SMAC e concentración de apoio

O dia 3 de setembro, ás 13 horas terá lugar no SMAC o acto de conciliación polo despedimento de Consuelo Martínez. Por este motivo, convocouse unha concentración diante do SMAC (Rúa Paraguay 16, baixo) a partir das 12.30 de solidariedade e apoio.

cig.prensa@galizacig.com