Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité de Traballo da Coruña denuncia que o novo sistema informático provocou erros que impediron tramitar expedientes

O servizo foi contratado á empresa INDRA SISTEMAS, SA, por máis de 400.000 erros para levar a cabo a migración das aplicacións de pensións non contributivas e a RISGA
O Comité de Traballo e Benestar vén de denunciar a inoperancia dun sistema informático que custou 412.298 € e co que se pretendía modernizar as aplicacións informáticas que xestionan as pensións non contributivas, o fondo de asistencia social e o cheque asistencial e a Renda de Integración Social (RISGA). A empresa INDRA SISTEMAS SA foi a adxudicataria pero aseguran que a substitución da vella aplicación por esta provocou durante 3 días (10, 11 e 12 de xullo) o bloqueo total das oficinas, imposibilitando a tramitación de expedientes, “co conseguinte prexuízo para a administración e para as persoas afectadas.

O Comité de Traballo e Benestar explica que antes da instalación do novo sistema informático, persoal de INDRA realizou (no caso da xefatura territorial da Coruña) un cursiño acelerado de dous días cos traballadores da Xunta que serían os encargados de cargar os datos no mesmo. “Durante eses dous días preguntóuselles aos traballadores a súa opinión sobre o programa, problemas que atopaban, que solución e suxestións aportaban... Porén, cando foi instalado e posto en marcha, os traballadores comprobaron que todas aquelas suxestións ou cuestións prácticas que aportaran non se tiveran en conta, atopándose cun programa moito máis engorroso e complicado á hora de cargar os datos, así como a peculiaridade de que, ao estar instalado nun servidor vía internet, a cotío quedaba colgado, saturado ou colapsado”, sinalan.

Segundo o Prego de Prescricións Técnicas establécese a garantía dos traballos e servizo de soporte, entre os que está que o adxudicatario deberá garantir por un ano os produtos derivados da contratación, obrigándose a realizar durante o período os cambios necesarios para solucionar as deficiencias detectadas imputadas ao adxudicatario se a consellaría o solicita.

“Queremos supor que o deficiente funcionamento do novo sistema desenvolvido por INDRA SISTEMA que obrigou a volver utilizar a antiga aplicación informática, serviu para que a Consellaría de Traballo e Benestar iníciase os trámites pertinentes para pedir explicación e solucións á adxudicataria do contrato. A día de hoxe segue a utilizarse o antigo sistema e o persoal usuario do mesmo non sabe se vai continuar co mesmo, se vai volver comezar co novo ou que vai pasar”, subliñan.

Ante esta situación, o Comité de Empresa da provincia da Coruña requírelle á consellaría de Traballo e Benestar resposta sobre os pasos que seguiron para solucionar a inoperancia do novo sistema informático; por que non se tomou en conta a opinión das traballadoras e traballadores usuarios do mesmo coa finalidade de mellorar o programa e a súa operatividade; se se vai seguir utilizando a antiga aplicación informática e durante canto tempo; se se vai mellorar o acceso a internet para evitar o colapso da mesma debido ao volume de datos cos que se traballa tendo en conta que é utilizado ao mesmo tempo polas catro provincias ou se se van recuperar os cartos investidos nesta aplicación ou que tipo de acción vai tomar a Secretaría xeral para depurar responsabilidades e que tipo de accións vai levar a cabo en relación coa empresa adxudicataria.

Neste sentido, o Comité demanda da consellaría que se recuperen os 400.000 euros investidos nesta aplicación e que se depuren responsabilidades do fracaso da adxudicación.

cig.prensa@galizacig.com