Despois dunha hora e media de xuntanza na Delegación da Xunta en Vigo, na que tanto a Patronal como as centrais sindicais reiteraron as súas posturas e coincidiron na necesidade de que houbera un acordo, o secretario nacional da CIG-Metal, Miguel Malvido, declaraba diante dos medios de comunicación á saída desta reunión que "máis alá das palabras, é preciso que se plasme nalgún tipo de avanzo ou proposta concreta esa vontade de chegar a un acordo, porque despois de nove meses non pode ser que continuemos como ao comezo. A CIG continúa mantendo a súa proposta en canto á xornada, vixencia do convenio, salarios e regulación na contratación".
Os mediadores informaron de que tiñan un novo sistema de reunións, que non concretaron, para avanzar na negociación, asi como explicaron que a figura da arbitraxe, segundo a súa opinión, podía ser o seguinte paso, de non haber modificacións e melloras cara o acordo.
Valoracións das negociacións
Malvido manifestaba tamén que "se hai algo que valorar positivamente é que se reanuden as negociacións, mais estamos á espera do que aconteza para analizar cal vai ser a nosa resposta".
O martes 29 de setembro terá lugar unha nova xuntanza das Executivas comarcais do Metal de Vigo e Pontevedra, coa presenza do secretario comarcal de Vigo, Xerardo Abraldes, o secretario comarcal de Pontevedra, Rafa Iglesias, Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva, e Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, para analizar a situación do convenio.