Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 28/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A asemblea de desempregados/as de Ferrol rexeita a condena a seis compañeiros/as que participaron nunha acción simbólica nun Dia

O colectivo considera que con esta resolución preténdese criminalizar a mobilización social e dáselle amparo as políticas que condenan á miseria a amplos sectores da poboación
A Asemblea de desempregados/as de Ferrol vén de facer público o seu rexeitamento á sentenza que condena a seis compañeiros/a que participaron nunha acción simbólica nun supermercado MaxiDía, coa que pretender chamar a atención sobre as penurias que están a padecer as persoas sen traballo. O colectivo considera a resolución xudicial inxusta e desproporcionada e que só busca criminalizar ás mobilizacións sociais.

A continuación reproducimos o comunicado da Asemblea:

Ante a sentenza condenatoria contra os 6 compañeiros/a pola acción simbólica realizada o 6 de xuño no supermercado MaxiDIA de Ferrol, dende a Asemblea de Desempregados/as da CIG queremos manifestar:

1- Que o feito de que a pena imposta sexa a máxima solicitada polo Ministerio Fiscal (90€ a cada un e 275€ de indemnización á empresa DIA a pagar de forma conxunta), vén darnos a razón e confirma que con este xuízo téntase por un lado, criminalizar e frear a mobilización social en defensa dos nosos dereitos, e polo outro, dáselle amparo ás políticas antisociais e de recortes que condenan á miseria a amplos sectores da poboación.

2- Que esta sentenza é inxusta e desproporcionada cando o custo monetario dos produtos retirados do supermercado aos que se atribúe o obxecto do furto constitúen a suma de 25.37€, mentres que a cantidade total da condena imposta os/a nosos/a compañeiros/a ascende a 835€. Un completo despropósito que só dá forzas para reafirmármonos nas nosas conviccións e motívanos para continuar a loitar a prol das nosas lexítimas reivindicacións. Esta crise do sistema non a creamos nós e non estamos dispostos a pagar por ela!

3- Como dignamente declararon os nosos compañeiros e compañeira o pasado 14 de setembro, dia da realización do xuízo, participaron nunha acción que procuraba denunciar a dramática situación pola que están a atravesar un cada vez maior número de traballadores/as desempregados/as que non perciben prestación económica algunha, e polo tanto, que non teñen recursos económicos para adquirir eses produtos de primeira necesidade que custodian empresas como DIA S.A., véndose obrigados/as a encarar o camiño da exclusión social, inherente a este podre sistema capitalista.

4- Desde a Asemblea de desempregados/as da CIG queremos solidarizarnos cos nosos compañeiros e compañeira mostrando todo o noso apoio e forzas para continuar a participar en todo tipo de mobilizacións encamiñadas a espertar a necesaria consciencia social. Facemos un chamamento ao conxunto do pobo traballador da nosa comarca a participar nas vindeiras accións do noso colectivo para seguirmos traballando na mobilización social dos traballadores/as en situación de desemprego para facer fronte a todos os ataques do goberno, dos que nos últimos tempos somos un branco inerme.Ferrol, 28 de setembro de 2012

cig.prensa@galizacig.com