Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 28/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: CIG-Metal : : contratos : : Ferrol : : naval : : Pemex : : PP : : vigo : : Xunta :

A CIG esíxelle a Feijóo que faga públicos, se é que realmente existen, os contratos do naval con Pemex

Dende a central sindical denuncian o uso electoralista da crise do sector por parte da Xunta
A Central Intersindical Galega empraza ao presidente galego, Núñez Feijóo, a facer públicos, “se realmente existen, os contratos subscritos coa petroleira mexicana Pemex despois de que o propio conselleiro delegado da compañía desmentise o acordo. Dende a central nacionalista amósanse moi críticos co uso electoralista da crise do sector que está a facer o PP dende a Xunta de Galiza.

A CIG alertou tamén que estes contratos non supoñen por si sós a salvación do sector naval público e privado en Galiza, tal e como pretende vender o presidente da Xunta e candidato do PP, mentres non se garanta a construción do dique flotante para Navantia nin se resolva a problemática do tax lease para os estaleiros privados.

Neste senso, o responsábel do Naval da CIG, César Rodríguez, nega categoricamente que se vaia dar emprego a 3.000 operarios de Ferrol e Vigo: “ocuparanse como máximo a 450 traballadores/as en cada estaleiro. Sabemos isto polas dimensións dos barcos, e porque son exactamente idénticos ao feito por Barreras a Noruega e entregado a mediados do ano pasado”.

Pola súa banda, Manel Grandal, co-voceiro da CIG de Ferrol e membro da sección sindical da central sindical en Navantia, ante as novas chegadas dende México, aseguraba que o engano de Feijoo é de tal magnitude que incluso “enganaron até na foto. Pemex non asinou nada”. Grandal subliñaba que mesmo o alcalde de Ferrol, durante a reunión que mantivo hoxe coa representación dos traballadores/as, tivo que recoñecer que efectivamente na parafernalia mediática montada dende a Xunta para publicitar o suposto contrato, estaba o propio Copel, pero que este non asinou ningún documento.

“Nós xa dixemos dende o primeiro momento que o anuncio resultaba sospeitoso e agora compróbase que todo era mentira. Non é normal que unha compañía faga un contrato deste volume sen valorar máis de unha oferta”, matizaba Grandal. Nesta liña, advertía que no caso de darse esta circunstancia as compensacións que as administracións galega e estatal terían que darlle a Pemex “serían enormes”.

O representante da CIG explica que o que se presentou como un contrato firme e pechado, é en realidade un contrato cunha filial de Pemex, PIM, que se adica a buscar no mercado internacional que instalacións ofrecen as mellores condicións económicas e técnicas para proveer servizos. Entre estas instalacións, como recoñecen dende a propia petroleira, atópanse os estaleiros de Galiza.

Pero será PEP, outra filial de Pemex, a que finalmente se encargue -entre as múltiples propostas presentadas por PIM- da adxudicación dos contratos e determine o financiamento dos mesmos. De feito, no documento asinado entre Xunta e PIM recóllese unha cláusula de suspensión pola cal a petroleira mexicana podería abandonar o proxecto de construír os floteis en Vigo e Ferrol en calquera momento. “De aí que non se faga púlico o contrato”, afirma Grandal. “Feijoo agora non ten escapatoria. Se quere que nos creamos algo ten que ensinarnos os contratos”, asevera Grandal.

Segue o peche en demanda do novo dique

Fóra de polémicas e anuncios con claras intencións electoralistas, o co-voceiro da CIG de Ferrol, lembra que os estaleiros da ría continúan sen carga de traballo e que o persoal seguirá adiante coas mobilizacións até que non haxa novos pedidos que garantan o fututo das instalacións de Navantia.

Neste senso, lembrou que os membros dos Comités e os delegados/as de persoal proseguen adiante co peche no Concello de Ferrol, até que a SEPI convoque a Comisión de Seguimento do Dique. Infraestrutura, apunta Grandal, indispensábel para garantir o futuro dos estaleiros públicos e ampliar a capacidade competitiva no mercado de reparación de barcos. Ademais, esta obra -viábel tecnica e económicamente- daría carga de traballo inmediata aos estaleiros durante dous anos.

Así as cousas, o vindeiro luns o persoal celebrará unha nova asemblea xeral para decidir que actuacións tomar, no caso de que nin a Xunta se decida a dar a coñecer o contrato con Pemex, nin a SEPI poña data á Comisión. En calquera caso, o vindeiro venres 4 de outubro, os traballadores/as volveránse manifestar polas rúas de Ferrol en demanda de carga de traballo e o novo dique.

Así mesmo, as organizacións sindicais están estudando a convocatoria dunha gran mobilización a nivel comarcal para esixir dos gobernos máis feitos verificábeis e menos propaganda electoral.

cig.prensa@galizacig.com