Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 28/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Secretaría da Muller da CIG reivindica o dereito das mulleres a decidir libremente sobre a maternidade

Na conmemoración este 28 de setembro do Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto
Desde a Secretaría da Muller da Confederación Intersindical Galega, ante a celebración, hoxe 28 de setembro, en todo o mundo, do Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto na que feministas de todo o mundo demandamos a despenalización do aborto, xunto co acceso a servizos de aborto seguro, queremos manifestar o seguinte:

. O recente anuncio por parte do goberno do Partido Popular de reformar a actual Lei orgánica 2/2010 de Saúde Sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, supón un claro retroceso no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, un recorte sen precedentes na liberdade e autodeterminación en relación á nosa sexualidade e sobre a libre decisión da nosa maternidade.

2º. A responsabilidade do goberno é a de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, non de restrinxilos.

3º. A reforma proposta polo ministro Gallardón contradí o Tratado Internacional dos Dereitos Humanos, cuestión que foi advertida xa o pasado maio polo Comité sobre os Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU, instando ao goberno a garantir o aborto libre e de balde.

4º. A nova normativa suporá o desamparo de moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos, como é o caso das mulleres inmigrantes (xa de por si vulnerábeis logo da retirada da asistencia sanitaria), pero tamén para todas aquelas que carezan de recursos e non lles quede outra opción que recorrer á clandestinidade, co risco para a súa saúde que isto conleva.

5º. No caso de aprobarse a reforma, só poderán interromper o embarazo aquelas mulleres que demostren ter sufrido unha violación ou que fique en perigo a súa saúde física ou psicolóxica, por tanto, dependerán da arbitrariedade do persoal facultativo e das propias xuízas ou xuíces.

Mais somos conscientes de que mesmo antes de que o Partido Popular anunciase en Madrid esta “contrarreforma” da lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo, en Galiza, desde as Consellarías de Sanidade e Benestar, o Partido Popular ven acometendo reformas e poñendo en marcha iniciativas diversas dirixidas a impedir a libre elección das mulleres sobre os nosos corpos, e sobre a nosa maternidade. Porque non podemos esquecernos de que o presidente da Xunta de Galiza  puxo en marcha dúas normas: a Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, e a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galiza, creadas ao abeiro da aprobación dunha Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola Red Madre e a Plataforma do Foro Español de la Familia.

Desde entón, en Galiza o labor de información e asesoramento ás mulleres recae en entidades privadas de carácter ultra-conservador e relixioso, costeando con fondos públicos a súa propaganda antiabortista, a pesares do rexeitamento de todos os grupos políticos da cámara galega, das organizacións feministas, e mesmo cun informe do Consello Económico e Social na súa contra, mesmo cualificando a norma de retrógrada e ultra-conservadora.

Por todas estas razóns, desde a Secretaría Confederal da Muller, consideramos que non podemos permitir outro ataque máis do Partido Popular, quen segue a facer concesións á ultradereita e á xerarquía da igrexa, na contra dos dereitos sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres.

AS MULLERES TEMOS DEREITO A DECIDIR SOBRE A NOSA SEXUALIDADE, SOBRE OS NOSOS CORPOS, E SOBRE A NOSA MATERNIDADE. POR ISO, HOXE 28 DE SETEMBRO DEMANDAMOS ABORTO LIBRE E GRATUÍTO!

Margarida Corral SánchezSecretaría Confederal da Muller da CIG

cig.prensa@galizacig.com