Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 28/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores/as de Poligal mobilízanse contra a pretensión da empresa de reducir persoal, xornadas e salarios

Cortaron o tráfico e concentráronse ás portas do Concello de Narón, onde a Corporación aprobou unha mensaxe de apoio
Os traballadores e traballadoras de Poligal mobilizáronse na tarde do xoves diante do Concello de Narón, coincidindo coa celebración do pleno no que se aprobou un acordo para reclamar ao Grupo propietario, Inverama, que manteña aberta da mesa de negociacións co Comité na procura de solucións alternativas que garantan a continuidade dos empregos e das condicións laborais do persoal.

A empresa, que conta cuns 150 empregados/as e se dedica a fabricación de polipropileno, anunciou hai unhas semanas que tiña intención de levar adiante un plan de axustes que pasa por reducir os custes sociais en 1.5 millóns de euros para o ano 2013, acompañado dunha ameazou de que lle sobra un terzo do actual cadro de persoal.

Para levar a cabo esta redución dos gastos, a dirección pretende recortar un 20% as xornadas de todo o persoal, aplicar unha rebaixa salarial xeneralizada dun 30%, pasar de cinco a catro as quendas de traballo, e conseguir un cadro de persoal polivalente e con flexibilidade horaria. “É dicir, a empresa pretende facer este aforro a costa de aplicar a reforma laboral en toda a súa extensión”, denuncia o co-voceiro da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos.

Co obxecto de evitar estas medidas traumáticas, a parte social propuxo unha serie de propostas alternativas na mesa de negociación para evitar tanto os despedimentos como a rebaixa brutal das condicións laborais e salariais que prevé a empresa. Deste xeito, indica, os traballadores/as estarían dispostos a aceptar unha conxelación salarial para o ano 2013; reducir unha das quendas de traballo (mais sen reducir empregos, xa que propoñen a recuperación das múltiples tarefas que Poligal ten externalizadas); ir a unha regulación temporal de emprego; ou en caso extremo que a empresa poña en marcha un plan de baixas incentivadas.

En canto ao aforro de 1.5 millóns de euros que pretende Poligal, Pintos lembrou que os custes sociais da empresa só supoñen o 16% do total de gastos, polo que o recorte nesta materia non será o que achegue viabilidade á factoría. A cambio deste esforzo, o grupo empresarial Inverama –ao que pertence Poligal- comprométese a investir nas instalacións de Narón, máis concretamente, a realizar unha inversión para mellorar o aproveitamento da materia prima. “Unha inversión que lle custa, casualmente, 1.5 millóns de euros. O que a empresa quere é amortizar esta inversión cos salarios dos traballadores/as”, critica.

Ademais, o co-voceiro comarcal da CIG, apunta que para garantir unha maior competitividade e o futuro da factoría, o Grupo debería apostar pola modernización da maquinaria de produción. Porén, a empresa leva cinco anos investindo na creación dunha planta de coxeneración –supostamente para abaratar o custe enerxético e na que xa gastou 1.7 millóns de euros-, mais que neste momento non resulta eficiente por mor da supresión das subvencións públicas a este tipo de instalacións.

López Pintos lembrou tamén que Poligal é a única empresa que sobrevive dos famosos plans de dinamización industrial destinados á comarca de Ferrol, logo da reconversión naval realizada nos anos 80.  Grazas a estes plans, subliña, as empresas recibiron suculentas subvencións para mercar chan industrial, montar as naves e contratar persoal.

Así as cousas, os traballadores e traballadoras de Poligal continuarán coas mobilizacións na defensa dos seus empregos e das súas condicións laborais e salariais.

cig.prensa@galizacig.com