É máis, no telexornal desa noite e do día seguinte saíron imaxes do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e declaracións do seu director nas que falaba da normalidade coa que se viviu a xornada de folga no seu centro.
Pois, cómpre saber que a realidade desa “normalidade absoluta” é que secundaran a folga un 53% do profesorado (34 dun claustro 64 persoas), ademais dun amplo número de alumnado que tampouco acudiu ese día ao centro. Pódese contrastar esta información co escrito asinado por docentes do CPI no que poñen de manifesto esta falacia (en pdf).
O goberno galego fixo unha manipulación vulgar e descarada dos medios de comunicación públicos, procurando un tratamento das noticias claramente partidista e non obxectivo, tentando así enviar unha mensaxe totalmente distorsionada da incidencia da folga.
A CIG-Ensino reafírmase na súa posición de esixir a retirada das Bases e recuperar o consenso do Plano Xeral de Normalización da Lingua galega de 2004 e do vixente Decreto 124/2007. Así mesmo, reiteramos o noso apoio ao profesorado para que siga impartindo as súas materias na nosa lingua.