Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 29/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Concentración diante do Banco Santander en Ourense.

Concentracións simultáneas en Ourense e A Coruña contra a desregulación horaria no sector da banca

As mobilizacións estenderanse a outras cidades galegas
Delegados e delegadas da CIG-Banca desenvolveron na mañá do xoves 28 de xaneiro dúas concentracións simultáneas diante das oficinas principais do BBVA nas cidades de Ourense e A Coruña para denunciar a desregulación dos horarios de traballo que a entidade pretende levar adiante. A falta de regulación da xornada é un problema que está afectando á maior parte do sector da banca, que a cambio de pechar as oficinas os sábados pola mañá pretende estabelecer un flexibilidade horaria absoluta. Por esta razón, a protesta celebrada en ambas cidades tamén se trasladou até as portas das oficinas doutras entidades bancarias.

Con esta protesta, a CIG-Banca sacou á rúa en Galiza a histórica reivindicación sindical do dereito a un horario regulado, con concentracións diante dos principais bancos en A Coruña e Ourense, tendo previstas novas mobilizacións noutras cidades galegas.

Nos últimos anos os bancos implantaron un réxime de traballo baixo pedido, hai uns obxectivos diarios que cumprir sen importar o horario, estendendo o persoal ilegalmente a xornada, dado que o salario depende ata nun 30% de complementos voluntarios ligados á produtividade. Ao mesmo tempo reduciuse o persoal das oficinas, o que se traduciu nunha sobrecarga de traballo e maior número de horas extras non pagadas, non cotizadas, nin tributadas a Facenda.

Flexibilidade horaria completa

Agora, coa complicidade de CCOO e UGT, os maiores grupos bancarios estatais foron máis alá, implantando a flexibilidade horaria absoluta e sen ningún tipo de control horario, presentando este tipo de acordos inéditos nas relacións laborais como un avance na libranza dos sábados.

A CIG-Banca denuncia que o persoal dos bancos non terá hora de entrada nin de saída, non existen rexistros nin controis horarios, e estará obrigado a aplicar a flexibilidade horaria cando o banco o considere oportuno. Ante esta situación, a CIG Banca convocou concentracións na Coruña e Ourense que percorreron os distintos bancos no inicio dunha campaña polo dereito a ter unha xornada regulada.

Grandes beneficios

Mentres, os grandes grupos bancarios están presentando beneficios insultantes ante unha sociedade que padece a crise económica, ao tempo que as axudas públicas ás entidades financeiras do Estado acadan os 143.000 millóns de euros. Polo que a CIG considera o horario flexible (e a fraude nas horas extraordinarias que conleva), como un insulto á sociedade e unha mostra de insolidariedade fronte aos 4.000.0000 de parados/as do Estado, por iso reclaman a libranza dos sábados pero implantando a xornada de 35 horas para crear emprego.

A CIG ten previstas novas mobilizacións por toda Galiza e anuncia que trasladará este debate a todos os foros ao seu alcance, e que utilizará todos os medios posíbeis para que non se retroceda cara a desregulación horaria do século XIX, como pretende a patronal bancaria co amparo dos mal chamados sindicatos de clase CCOO e UGT.

Galería Gráfica

cig.prensa@galizacig.com