Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 29/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Un milleiro de persoas maniféstanse en A Coruña contra a privatización dos servizos de emerxencias

A marcha, convocada por CIG, UGT e CCOO, rematou diante da Deputación provincial logo dunha carga da policía
Arredor de mil persoas, entre bombeiros chegados de toda Galiza e delegados/as sindicais, participaron na manifestación convocada este venres en A Coruña, en contra da privatización dos servizos de emerxencia. A protesta, que transcorreu entre os ruídos das sirenas e os petardos, rematou diante do edificio da Deputación provincial, onde se produciu unha carga policial na que varios bombeiros resultaron feridos feridos, e onde tampouco foron recibidos os representantes dos traballadores/as polo presidente do organismo, Salvador Fernández Moreda.

“Moreda acaba de dicir que é un incompetente; se non se fai competente nesta materia, entón é un incompetente”, afirmaba Xavier Picón, responsábel da Administración Local da CIG logo de que o presidente da Deputación se negase a recibir aos representantes dos traballadores. “O máximo responsábel da maior parte dos servizos privatizados e di que non son competencia del, que non está na súa man resolver nada. Acaba de declararse incompetente, cousa que por outra parte tampouco nos sorprende”, sentenciaba Picón.

O sindicalista da CIG lamentaba o resultado da xuntanza mantida o xoves con Moreda, pois o responsábel político ten apostado pola privatización dos servizos de emerxencia na provincia, praxis que, por outra banda, se está levando a cabo en todo o País. “Para que nos serven estes políticos, para nada”, aseguraba.

As tres organización sindicais convocantes, CCOO, UGT e CIG, solicitaron, ao remate da manifestación en A Coruña, a intervención do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez, polas evidentes contradicións entre o que defenden os socialistas nos seus programas electorais, e mesmo nas intervencións no Parlamento, e as políticas que poñen en práctica, apostando pola privatización dun servizo tan importante para a cidadanía como as emerxencias.

Marcha polas rúas de A Coruña

A ruidosa manifestación, na que participaron arredor dunhas mil persoas e na que tamén estivo presente o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, saíu por volta das once e media da Praza da Palloza con destino ás portas da Deputación provincial. A escolla da cidade de A Coruña, chegou logo de que o organismo provincial, por acordo dos tres partidos políticos que o compoñen (PSOE, BNG e PP), e en complicidade coa Consellería de Presidencia da Xunta de Galiza, decidise impoñer para toda a provincia unha xestión das emerxencias pola vía da externalización dos seus servizos. Isto supón que o Consorcio de Emerxencias creado entre Deputación e Xunta será xestionado definitivamente por empresas privadas.

Carga policial

Logo de chegar ás portas da Deputación, que rapidamente foron pechadas pola seguridade privada do edificio, a policía nacional instalouse diante das escaleiras de acceso, fronte mesmo da pancarta de cabeceira. Ruído de sirenas, berros reclamando a presenza de Moreda, bengalas e petardos enmarcaron durante un bo anaco a situación que se vivía, até que finalmente a tensión estourou e a policía iniciou unha carga que separou en varios grupos aos manifestantes. Foi entón cando comezou unha verdadeira batalla campal, na que as pelotas de goma lanzadas polos axentes non deixaron de voar entre os alí congregados e ante a que os bombeiros non quedaron calados.

Tras dun bo anaco, a situación foise calmando, resultando varios bombeiros feridos. A impotencia marcada na cara daqueles que viñan loitar pola defensa dun servizos públicos e de cualidade para toda a cidadanía e pola dignificación das súas condicións laborais era patente.

Parques privatizados

En Galiza existen actualmente 7 parques de bombeiros públicos nas grandes cidades (dependentes dos Concellos e cuxo ámbito de actuación se limita á área municipal), 1 parque público en Silleda xestionado pola Deputación de Pontevedra e 17 parques privatizados.

Pola súa banda, as empresas que xestionan os parques privatizados limítanse á contratación do persoal, xa que todos os gastos (instalacións, mantemento, protocolos de actuación, planos directores, etc.) dependen da administración. Por iso, o suposto aforro da xestión privada vén pola vía da precarización dos traballadores/as das emerxencias, mentres que as empresas levan un 19% de beneficios e aínda reciben un 8% máis en concepto de gastos.

As organizacións sindicais lembraron que tan só en Galiza se ten apostado por un modelo privatizado da xestión das emerxencias, pois nas demais autonomías a lexislación concibe estes servizos como de titularidade pública nos que os seus membros teñen a condición de axentes da autoridade. A respecto deste último punto, dende a CIG tamén se reclama a inmediata creación do estatuto do bombeiro profesional.

Galería gráfica

cig.prensa@galizacig.com