En primeiro lugar, interveu Miguel Malvido, secretario nacional da CIG Metal, para advertir que "é o momento de ir quentando motores e mobilizarnos, porque é fundamental a defensa de emprego no sector do automóbil, porque ocupa a moitos postos de traballo e a moitos sectores. Afecta mesmos a servizos e á construción, e iso vai repercutir no conxunto da sociedade".
Malvido amosou a súa preocupación "porque o que se expón nas distintas mesas de negociación das distintas empresas afectadas, tanto na principal como de componentes e provedores, son ou flexibilidade máxima e bolsa de horas ou expedientes de regulación de emprego".
A necesidade de mobilizarse
O secretario nacional do Metal considera que "temos que mobilizarnos, e entendemos que esta é unha crise non só do automóbil, senón unha crise financeira global do sistema capitalista, mais é que parece que os que temos que pagar a crise somos de novo os traballadores e traballadoras, mentres quen se estiveron a beneficiar desta situación foron as empresas, que tiveron múltiples beneficios".
CCOO e UGT rexeitaron a proposta dunha convocatoria unitaria na defensa do sector do automóbil porque entenden que "non é o momento de mobilizarse". Desde a CIG vencéllase esta manifestación á campaña que existe a nivel nacional como confederación contra a crise que levara a manifestarse o dia 13 en todas as cidades galegas.
Aportación de propostas para o sector
Pola súa banda, Francisco Miranda Vigo, portavoz da coordenadora da automoción da CIG-Químicas, engadiu que "non só propoñemos mobilizacións,senón que tamén aportamos solucións porque entendemos que o tecido industrial que existe ao redor do grupo PSA en Vigo ten un valor fundamental en todo o que é o tecido produtivo a nivel galego. Entendemos que nesta conxuntura as empresas do sector non poden ser só maquiladoras e transformadoras, e Citroën só ensamblador do que fabricamos as auxiliares, senón que entendemos que tanén o grupo PSA ten que facer de Vigo un centro de excelencia en producir produtos xenuinamente galegos".
Nese sentido, Miranda Vigo subliñou que nesta xornada o Clúster de Automoción mantén unha reunión coa Consellaria de Industria e "desde aquí queremos facerlle unha chamada ao Clúster e ás Consellarias para que teñen en conta que o diñeiro non só hai que investilo en tapar buracos na banca, teñen que investir cartos no tecido produtivo, para producir bens que sexan útiles para o conxunto da sociedade".
"O problema da automoción vai máis alá do metal"
Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT, manifestou que "o problema da crise da automoción non é un problema exclusivamente do metal, aínda que poda ser o que está máis afectado cuantitativamente, pero cando se fala de Citroën sempre pensamos que pode afectar a esta empresa principal e ao entorno das auxiliares, pero isto é un erro porque na comarca de Vigo existe unha dependencia notoria desta factoría do automóbil, e onde non só están as empresas do metal, senón que están as empresas de químicas, do téxtil e tamén empresas do transporte, como Gefco e Tramagasa, entre outras. Este é un problema de características case que globais e fundamental na comarca de Vigo".
Piñeiro denunciou que existe unha masa de traballadores e traballadoras moi importantes eventuais que van desaparecer, e "a CIG non o pode permitir. Na fábrica de Treves, do téxtil, xa desapareceron 70 postos de traballo. Eran 230 traballadoras/es e xa desapareceron 70, uns pola vía eventual de liquidación de fin de contrato e outras en base a indemnizacións pactadas, e que é froito desta situación de crise".
O secretario nacional da FGAMT sobre a convocatoria desta manifestación apuntou que "desafortunadamente CCOO e UGT non están pola vía da mobilización porque confían eu creo que excesivamente nas mesas de negociación e nós cremos que este é un conflito de moita entidade que temos que concienciar á cidadanía, non só aos traballadores do sector, e temos que sair ás rúas a protestar"
60.000 postos directos e indirectos de traballo na automoción
Nesta rolda de prensa, aportáronse datos, como que hai 60.000 postos directos e indirectos que dependen da automoción na provincia de Pontevedra, e que ao final de ano se terán destruído entre 1.200 e 1.500 postos de traballo directos, polo despedimento de eventuais.
Sobre a cuestión dos ERE's, Miranda Vigo realizou un chamamento aos traballadores do sector porque "un ERE non son unhas vacacións pagadas, un ERE é unha medida drástica e finalista, cando unha situación dunha empresa é xa moi complicada, e nós facémoslle chegar aos traballadores das empresas que un ERE é o inicio da entrada nun túnel no que é moi difícil sair, e ademais estes ERE's pagámolos entre todos, porque se pagan coa caixa do INEM".
Malvido engadiu que "para nós non están xustificados os EREs daquelas empresas que obtiveran beneficios. Hai outras medidas como a adaptación de xornada que non se queren utilizar, pero prefiren ir a buscar a bolsa de horas para a flexibilidade, con vistas a máis alá do que un problema puntual e conxuntural. Nós temos que estar en contra deste tipo de medidas, porque aqui finalmente o que teñen certas empresas é outras finalidades".
ERE's en Dalphimetal
En Químicas estanse a negociar con todos os trámites administrativos ERE en Dalphimetal España e Dalphimetal Seguridade, pero, Miranda Vigo, sinala que "de aqui a pouco tempo, coa cantidade de días que para Citroën, ou quedámoslle debendo até os nosos fillos e netos horas a Citroën para que veñan a traballar cando sexan maiores, ou non hai posibilidade de saída, e as empresas están a utilizar esta situación para adoptar medidas que se alonguen no tempo. Nós entendemos que para situacións excepcionais haberá que tomar solucións excepcionais, pero os empresarios están a utilizar o contexto de maneira pícara e abusiva. O máis anormal de todo é xa o caso de Faurecia Asientos de Galicia, porque é unha empresa que ten o 105% de beneficios, e aprobánselle ERE gratuitamente. E isto é o que pretenden facer todas as empresas do sector".
Por último Piñeiro indicou que "temos que reforzar a posición sindical e dos traballadores nas empresas e temos que sensibilizar á cidadanía de Vigo, porque ninguén pense que isto é un problema exclusivamente do sector da automoción, do metal, de químicas ou do téxtil: é un sector cunha envergadura extraordinaria que en función do que pase coa loita sindical, a negociación, a vontade da Administración, miraremos en que situación se pode atopar a comarca de Vigo nun futuro, dentro de tres ou catro anos despois desta crise".