A continuación engadimos algunhas imaxes do que foi esta asemblea de traballadores e traballadoras do Metal e reproducimos a folla informativa repartida esta semana nos centros de traballo do Metal, e no que se abordan a maioría das cuestións que foron tratadas nesta asemblea.
A todos os traballadores e traballadoras do Metal
A ruptura do Convenio produciuse en plena folga, cando tanto CCOO e UGT valoraron positivamente a proposta dos mediadores, a mesma que asinaron estes dias atras. Tomaron aquela decisión dando a espalda aos traballadores en folga, sen consultalos e desaparecendo das asembleas. A partir deste momento os empresarios sabian que a unidade estaba rota, xa non tiñan que subir a proposta de incremento salarial, só debían agardar a que os traballadores se esgotasen.
Para memoria de todos a CIG sempre defendeu quenesta ocasión a folga non debía ser indefinida e resistila no tempo, dixémolo repetidamente nas asembleas, que ía ser un conflito longo e que non podiamos queimar economicamente aos traballadores. Para manter a unidade aceitamos a proposta dos outros sindicatos e entramos na folga indefinida sen posibilidade de retroceso.
As demandas de incremento que defendimos no convenio son xustas, xa que falamos dun reparto máis xusto da riqueza que creamos os traballadores e na que os empresarios se fan máis ricos apropiándose cada ano dunha parte maior dos salarios. No metal de Pontevedra eramos conscientes da dificuldade de enfrontarnos sós nesta loita, contra os empresarios unidos, contra os medios de comunicación, mais podiamos gañala porque tiñamos razón e porque temos unha forza imensa.
Unha farsa de referendo
Se estes sindicatos xa teñan pensado aceitar este acordo xa o puideron asinar naquel momento, mais tiñan o problema de defendelo na asemblea porque xa fora rexeitado polos traballadores. Non se atreveron e agora inventan unha mascarada de referendo para valar a súa decisión. Un referendo animada polos propios empresarios, no que nalgunha empresa votan os xefes, no que o reconto o fan eles mesmos, poñen o número de participantes e farán un resultado a súa medida. Ademais non poden modificar o Acordo, porque por primeira vez no Convenio, o Preacordo non está condicionado á aprobación da Asemblea de Traballadores como anos anteriores. Para que enton este fraude?
A CIG non acepta este acordo polas razóns seguintes: foi rexeitado polos traballadores en asemblea durante a folga, non recolle a mellora salarial que reclamabamos e que sería posíbel se non rachara a unidade sindical e os empresarios non souberan os limites que CCOO e UGT estaban dispostos a aceptar. Porque non regula a contratación no sector, de tal maneira que se non o evitamos, os empresarios contrataran máis mán de obra barata botando ao paro aos traballadores do Sector. Iso temos que solucionalo canto antes.
A CIG mantén o seu modelo sindical de participación cos traballadores como principal fortaleza deste convenio, asi non abandonamos aos traballadores sometidos a xuizo, tanto aos 4 do mes de febreiro como aos 13 compañeiros xulgados na pasada semana. Non podemos entender ningún modelo sindical que non protexa á clase traballadora porque o sindicato somos os traballadores. Tamén decidimos acudar economicamente cos nosos escasos recursos a máis de 1.000 traballadores non afiliados do sector, que constantemente día a día fixeron posíbel a mobilización en defensa do convenio, porque non entendemos o sindicalismo sen solidariedade.
A loita polo noso convenio continuará cada día e en cada negociación, porque no convenio tamén decidimos as nosas condicións de vida, o noso salario, as nosas garantías no traballo, o noso emprego e sobre todo a xustiza e a dignidade da clase traballadora.