Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CeltaPrix sanciona ao delegado de persoal dos bombeiros do Morrazo e suspende de emprego ao irmán dun traballador despedido

Agrávase o conflito no parque comarcal en vésperas da manifestación en Compostela por uns servizos de emerxencias públicos
O conflito aberto entre os bombeiros do Morrazo e CeltaPrix vén agravarse logo de que a empresa decidise expedientar ao delegado de persoal  “por falta moi grave e perda de confianza” e sanicionar ao irmán dun traballador despedido. Os bombeiros, que se mobilizaron a pasada semana diante da Deputación de Pontevedra para exixir  a readmisión dun compañeiro despedido, manteñen unha pelexa activa contra as intencións da administración galega de privatizar a xestión dos futuros Consorcios Provinciais, e así este venres 30 de outubro levarán a cabo unha manifestación en Compostela para exixir un servizo público de emerxencias.

Os bombeiros do Parque Comarcal do Morrazo piden a CeltaPrix unha saída dialoga ao conflito, aínda que rexeitan as actitudes mantidas pola empresa quen, ao non poder despedir aos delegados de persoal, opta por botar a outros compañeiros e por sancionar aos representantes dos traballadores. Así, a última “actuación” da empresa consistiu en expedientar ao delegado de persoal cunha falta moi grave e castigar con suspensión de emprego e soldo durante 11 días ao irmán do despedido.

A dirección de Celta Prix, empresa que xestiona todos os parques comarcais que existen na provincia pontevedresa agás o de Silleda, que é totalmente público, comprometérase o pasado xoves diante da Deputación de Pontevedra a manter unha xuntanza o día 28 de outubro cos representantes dos traballadores, que exixen a readmisión do compañeiro despedido . Non obstante, a empresa non acudiu á reunión, razón pola que os bombeiros se puxeron en contacto coa secretaría do Presidente do Consorcio Comarcal, José Enrique Sotelo,  a través da que tamén foi imposíbel comunicarse coa dirección de CeltaPrix.

“Esta situación colócanos nunha disxuntiva delicada: Ou a empresa ningunea ao Presidente do Consorcio Provincial ou, simplemente, crese por riba  de todos nós e “pasa de todo”. En calquera dos dous casos  nós xa sabemos o que temos que facer; e vámolo facer. Tamén lle pedimos ao Presidente do Consorcio que faga valer a súa condición e exerza a responsabilidade que ten na xestión deste servizo fundamental para a cidadanía do Morrazo” sinalan os traballadores nun comunicado.

Mobilización en Compostela o venres 30 de outubro

Os profesionais de toda Galiza dos servizos de emerxencias están chamados a participar nunha gran manifestación este venres 30 de outubro en Compostela en contra da privatización da xestión do sector e para lle reclamar á Xunta a creación dun servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento, profesionalizado e de calidade. 

A manifestación do vindeiro día 30, que partirá ás 11:00 da mañá das portas do Parlamento galego e rematará diante da Consellaría de Presidencia, estará precedida por unha serie de marchas a pé que realizará o persoal desde os distintos centros de traballo até Compostela.

cig.prensa@galizacig.com