Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 29/10/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG mantén a porcentaxe de voto nas eleccións sindicais celebradas en Citroen

A central acada cinco representantes para o Comité de empresa
A CIG mantivo a porcentaxe de voto nas eleccións sindicais celebradas na planta de PSA Peugeot Citroen de Vigo, acadando cinco delegados. Dende a sección sindical realizaron unha primeira valoración do resultado, cualificándoo de satisfactorio, toda vez que nestes comicios se rebaixou o número de membros do Comité, por mor do recorte dos cadros de persoal. Así mesmo, sinalaron que continuarán adiante coa coherente liña de acción sindical desenvolvida nestes últimos catro anos.

A CIG conseguía este venres 29 de outubro cinco representantes no Comité de empresa de Citroen, todos no colexio de especialistas. Aínda que se perdeu por unhas décimas o sexto delegado acadado nas anteriores eleccións, dende a sección sindical da CIG na empresa realizaron unha primeira valoración positiva do resultado, xa que se conseguiu manter a porcentaxe de votos, a pesar dos problemas rexistrados en todo o proceso electoral.

O Sindicato Independente conseguiu 21 delegados/as (cinco polo colexio de técnicos e 16 polo taller), UGT sumou sete delegados/as, a CIG cinco, e CCOO acadou catro representantes para o Comité.

En total, os traballadores e traballadoras da planta de PSA Peugeot Citroen en Vigo elixiron a 37 membros do Comité de empresa, para o que se habilitaron seis mesas de votación no colexios de técnicos e administrativos e 33 para o colexio de especialistas. As votacións comezaron xa ás 00:00 horas deste 29 de outubro, para o persoal das quendas de noite, e remataron ás 19:30 horas.   

Os candidatos e candidatas da CIG reiteraron o seu compromiso “para con todos e todas aqueles compañeiros/as que decidiron depositar a súa confianza na nosa candidatura. Mantendo a coherencia, seguiremos exercendo a defensa na mellora das condicións de traballo”.

Dentro do programa de acción sindical para os vindeiros anos, a CIG márcase como obxectivos, dentro dun amplo abano de cuestións, a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, mellorar as condicións de traballo co fomento dos contratos fixos de oito horas e a creación de emprego estábel, regulación dos horarios nas quendas de noite ou incrementar as medidas no ámbito da seguridade e a saúde laboral.

cig.prensa@galizacig.com