Dende a CIG-Saúde critícase a intensa campaña propagandística levada a cabo pola Xunta e o PP a respecto da próxima apertura do novo hospital de Lugo e dos beneficios que suporá para a cidadanía da área sanitaria, cando de seguido se incumpren os compromisos de mellora adquiridos co persoal do centro e os usuarios e usuarias. Entre outras cuestións, a CIG-Saúde denuncia os seguintes incumprimentos:
- Compromiso de incrementar 169 prazas de enfermería por riba do número de persoas que están neste momento traballando. Isto non só non se reflicte nos orzamentos se non que nin sequera se estabilizan todos postos actuais, polo que, asegura a secretaria comarcal da CIG-Saúde de Lugo, Carme Aira, “todo o que hoxe se nos ofrece con “garantías” pode mudar en breve”.
- Promoción de apertura de 755 camas de hospitalización cando na realidade só se abren de inicio 684; é dicir 71 camas menos, o cal non axudará a cumprir coas melloras que se anuncian dende a Xunta: redución de listas de espera, diminución da concertación coa privada, etc....
- Inexistencia dos novos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear, xa que nin están os concursos realizados nin hai dotación de persoal, nin parece que vaia existir durante o 2011. “Ninguén nos pode asegurar, ante este panorama, que cando se abran estes servizos o vaian facer con orzamentos e persoal públicos”, sinala Carme Aira.
Para a CIG-Saúde, o feito de non dotar de persoal suficiente o novo hospital indica que o centro non vai dispor de todos os servizos que se están a publicitar dende o goberno, “e que a poboación non vai poder beneficiarse das melloras que levamos esperando dende hai moitos anos”. “Nós e os nosos políticos somos os que temos a responsabilidade de facer deste un gran e moderno hospital que ofreza beneficios innegábeis á cidadanía, non é cuestión de publicidade, é cuestión de responsabilidade dos gobernantes para coa cidadanía”, asevera a secretaria comarcal da CIG-Saúde.