Os representantes dos traballadores e traballadoras mantiveron na mañá deste martes unha xuntanza coa Inspección na que denunciaron todas as irregularidades cometidas por Valoriza, Linorsa e SamyL (contratación en fraude de lei, incumprimentos reiterados dos convenios colectivos que equiparan aos traballadores/as co persoal do Grupo E do Sergas, falta de cuadrantes de traballo, erros nas nóminas, etc).
A Inspección, que non terá a resolución da investigación até o vindeiro 11 de xaneiro, deu a razón ás denuncias presentadas polo persoal e quedou en manter unha nova xuntanza cos representantes da parte social en vindeiros días.
As empresas manteñen as súas posturas
Pola súa banda, as empresas, que tamén estaban convocadas na Inspección, mantivéronse na súas posturas e non achegaron ningunha garantía de que van comezar a cumprir os termos dos convenios colectivos e mudar as súas prácticas laborais fraudulentas.
A pesar de que a resolución da autoridade laboral aínda non se coñecerá até o vindeiro mes, Lois Soto, da CIG-Servizos, cualificaba de “positivo” o encontro, no que “quedou demostrado que as empresas realizan contratos en fraude de lei”, tal e como se viña denunciando dende a central.
No tocante á sanción á unha traballadora que solicitou un permiso retribuído, o Xerente do CHUAC volveu reiterar que tiña un compromiso, por parte da empresa adxudicataria do servizo, de deixala nunha “falta leve”, aínda que Valoriza non avanzou neste punto e continúa mantendo a sanción en 19 días.
Diante desta falta de avances por parte das empresas, os traballadores e traballadoras continuarán este mércores as protestas diante da Xerencia do CHUAC, á espera de avaliar a posibilidade de incrementar as protestas co inicio do novo ano.