Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/4/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de A Coruña demanda medidas urxentes para frear a "sangría" de destrución de emprego na comarca

O secretario comarcal anima á clase traballadora a asistir á manifestación do Primeiro de Maio ás 12:00 horas na Praza de Vigo
Baixo o lema “polo emprego, os dereitos e as prestacións sociais” a CIG da comarca de A Coruña fixo un chamamento a clase traballadora a mobilizarse “entendendo que a intensidade da crise económica está xerando a destrución de miles de postos e que as empresas aproveitan a caída de actividade para impor despedimentos baratos a través dos EREs, aos que se suman as rescisións de contratos temporais de miles de empregados na comarca”. Con estas palabras animaba o secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril a participar na manifestación convocada para o Primeiro de Maio ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo.
Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña, e Dores Martínez, responsábel do sector do téxtil, durante a rolda de prensa na que presentaron os actos do Primeiro de Maio.

O responsábel da CIG en A Coruña, Paulo Carril, compareceu en rolda de prensa acompañado pola responsábel do sector do téxtil na comarca, Dores Martínez, para presentar a manifestación convocada con motivo do Primeiro de Maio, así como avaliar a situación económica, social e política na comarca.

Carril non escatimou críticas á hora de falar das medidas propostas pola patronal contra a crise e as súas receitas neoliberais “que teñen causado esta crise, o empobrecemento da clase traballadora e recorte dos seus dereitos”. “O goberno insiste nas mesmas medidas neoliberias de sempre, entregándolle á banca millóns de euros para tapar os buracos nas súas contas e solventar o problema da sangría do sistema financeiro, pero sen abrir axudas reais para a clase traballadora”, lamentou.

O secretario da CIG de A Coruña tamén criticou que se estean concedendo “miles de millóns en axudas a sectores industriais sen condicionar estes cartos á creación de emprego. Parece que o goberno de Zapatero esqueceu que nos últimos dez anos tense incrementado un 70% o beneficio empresarial mentres que o dos salarios incrementou un ridículo 3,2% no mesmo período. Non se está adoptado ningún tipo de medida no camiño de ir cara a un novo modelo e a unha mudanza estrutural que signifique un cambio económico e social”.  

Continuidade nas reivindicacións

Carril lembrou que o pasado 1 de maio a CIG “xa saíu á rúa cando aínda se estaban comezando a notar os efectos da crise para demandar un novo modelo económico e social”. Neste senso, o responsábel da CIG en A Coruña reivindicou a posta en marcha das medidas defendidas pola central, tais como unha fiscalidade progresiva, a creación dunha Banca Pública, ou a necesidade de incrementar do poder adquisitivo dos salarios para reactivar a economía. “Non aceptaremos que se pretenda, como sempre, que sexan os traballadores/as os que asuman as consecuencias desta crise”, afirmou.

Por estas razóns, dende a CIG de A Coruña animaron a toda a cidadanía a participar na manifestación convocada o vindeiro 1 de Maio ás 12:00 da mañá e que partirá da Praza de Vigo. “Facemos este chamamento co convencemento de que na comarca urxen tomar medidas contra a crise e a progresiva desindustrialización que se rexistra”.

Peche de empresas

Carril quixo aproveitar a comparecencia para denunciar ás empresas que se están a escudar na crise para xustificar despedimentos masivos “cando non son máis que intentos de deslocalizar a produción para seguir aumentando os beneficios”. Como exemplo, nomeou os casos de Fadesa, “practicamente desmantelada”, Caramelo, Bunge Ibérica, Talleres Carral ou o BBVA, “con 400 postos no punto de mira”.

Nesta situación tamén se achan os EREs presentados por Ferroatlántica en Cee e Dumbría, casos que Carril considera paradigmáticos pois mentres mandan a rúa a centos de traballadores/as “Villar Mir segue acumulando beneficios grazas as explotacións das concesións hidroeléctricas”. Na mesma liña lamentou a situación á que se ten chegado na Fábrica de Armas “nestes momentos vítima da pura especulación”, e para a que demandou un plano de futuro que garanta a continuidade dos postos de traballo.

Sen marxe de confianza para o goberno do PP

“Exiximos medidas urxentes contra a crise na nosa comarca e neste momento de profunda crise económica as medidas propostas polo goberno do PP en Galiza significan unha volta atrás, resultan claramente españolizadoras, dirixidas a fomentar a economía especulativa, favorecedoras dos ERE e das grandes multinacionais. Son  medidas de fomento da precariedade laboral e de recorte das proteccións sociais. Coñecendo a historia do Partido Popular e á súa negativa a apostar por esta comarca,, dicimos con toda franqueza que o que pode facer o PP no goberno da Xunta para nós non ten marxe de confianza”, afirmou Paulo Carril.

O responsábel da CIG na comarca de A Coruña concluíu cunha advertencia ao novo goberno: “imos presentar unha fronte firme a todas as políticas que vaian nesta dirección, a nosa oposición vai estar claramente orientada para camiñar a un novo modelo económico e social e para que sexamos capaces de conseguir medidas urxentes para afrontar a crise”.

cig.prensa@galizacig.com