Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/4/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Vigo pide unha resposta contundente da clase obreira fronte aos ataques da patronal

Manifestación o Primeiro de Maio ás 12:00 horas con saída na Doblada
A CIG Vigo pediu á clase traballadora que ofreza unha resposta contundente a actitude mantida pola patronal e as febles medidas adoptadas pola administración fronte a situación de crise que vive a comarca. O secretario da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, lembrou que na comarca xa hai rexistrados máis de 38.000 parados e paradas, demandou a urxente creación do salario social, criticou as axudas a fondo perdido entregadas polo goberno aos bancos e animou a todos os traballadores/as a participar o venres 1 de maio na manifestación convocada ás 12:00 horas na Doblada.
Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo.

Abraldes lembrou que xa hai 38.200 parados/as en Vigo e a súa área, dos que 4.300 están rexistrados no Baixo Miño, circunstancia que cualificou que “barbaridade”, dado o tamaño poboación desta zona. O responsábel comarcal atribuíu esta situación á que “o Baixo Miño subministra man de obra a todo o sector da construción no sur da provincia”, sector que acumula un dos índices de destrución de emprego máis elevados.

Abraldes tamén se referiu ás 80.00 persoas que xa non teñen cobertura social na Galiza, da que, destacou, “calculamos que unha cuarta parte se atopan na comarca de Vigo. A situación comeza a ser realmente complicada para moita xente pola falta de cobertura das prestacións sociais”, lamentou.

Críticas ao comportamento da patronal

Durante a súa intervención, o secretario da CIG-Vigo criticou duramente o comportamento que a patronal está tendo en toda Galiza, “e especialmente na provincia de Pontevedra,  defendendo en todos os convenios a conxelación salarial, as medidas regresivas que pretenden instaurar chantaxeando aos traballadores/as co mantemento do emprego, o abaratamento do despedimento e a flexibilidade na contratación, así como se atreven a demandar unha baixada dos impostos e axudas a fondo perdido”.  Por estas razóns, Abraldes subliñou que este Primeiro de Maio “é necesario actuar fronte a esa patronal irresponsábel que só se preocupa do deles coas mobilizacións”.

O sindicalista lembrou que tanto as pensións como a caixa da Seguridade Social vive das cotas da patronal e da clase obreira e “isto vai relacionado cos salarios, a menores salarios necesitase máis xente para manter o actual funcionamento da seguridade social. Os que poden por en perigo as pensións son os empresarios co emprego somerxido que se está a crear e coa dedución de cotas por mor de prácticas como as horas extras irregulares, etc.”.

Medidas desafortunadas

A respecto da administración, Abraldes indicou que se estiveron tomando medidas “moi criticábeis” como as axudas a fondo perdido á banca, ou o grave prexuízo que se lle está facendo aos parados que non gozan de prestacións “coa medida que reconverte as prestacións e subsidios en axudas á empresa”. O responsábel da central en Vigo asegurou que con esta medida, o goberno está a condenar aos desempregados/as que non teñen prestacións “a permanecer no desemprego indefinidamente”.

En contra destas medidas reclamou decisións “drásticas” como a instrumentación do salario de inserción social.

Bancos indecentes

 “Indecentes”, así cualificou aos  bancos Abraldes, porque a pesar da baixada dos tipos e da falta de liquidez, “están cobrando os préstamos persoais ao 13% ás persoas que teñen nómina fixa asegurada; non queren arriscar nada pero queren sacar beneficios fabulosos”, criticou.

Fronte a isto avogou pola creación dun instituto galego de crédito, a nacionalización da banca, a ampliación da cobertura social, especialmente co salario de inserción social e maiores investimentos nos sectores produtivos galegos, “para o que precisamos máis soberanía política”.

cig.prensa@galizacig.com