O martes 28 de abril celebrouse a novena xuntanza da Comisión negociadora do Convenio Metal. Esta xuntanza foi precedida do peche da comisión negociadora que se mantivo até esta xornada no edificio administrativo da Xunta en Vigo. As próximas xuntanzas serán os días 30 de abril e 5 maio.
Nesta reunión a patronal mantívose firme na súa proposta de duración de 2 anos para o convenio, asi como realizan unha oferta de "garantía do poder adquisitivo" , que concretan no IPC do 2008 para o incremento do 2009, e para o 2010 o IPC de 2009, co que o incremento para este ano sería un 1,4% e para o 2010 o incremento podería ser mesmo negativo., polo que as centrais sindicais avalian estas propostas como "totalmente insuficiente". No referido á xornada a patronal amosouse disposta a regulalizala pero sen entrar a valorar en que se concreta nin unha posibilidade de reducción.
Acordos dos sindicatos ante a posición da patronalUn dos primeiros acordos foi o de non facer horas extras, polo que desde as centrais sindicais despois desta nova xuntanza inoperativa expuxeron nas asembleas realizadas na mañá deste mercores "a necesidade de dar unha resposta de maior presión".
Asembleas nos estaleiros e paro
Diante desta situación, a decisión adoptada nos centros de traballo do Naval foi a de parar desde as once da mañá e até as tres da tarde o mércores 29 de abril.
Asi, nesta hora comezaban a concentrarse nas distintas zonas e estaleiros estes traballadores e traballadoras, que encamiñaban os seus pasos cara á Delegación de Traballo na cidade de Vigo, onde continuaba pechada unha Delegación da representación sindical da Mesa Negociadora do Convenio.
Fin do peche
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, sinalou ás portas deste edificio administrativo da Xunta, que "hoxe é unha nova xornada de loita, e se a patronal pensaba que nos tiña dobregados, equivocabannse, porque hoxe realizamos unha nova demostración de forza. Xa chega de que esteamos pechados, fai falta que se comecen artellar todas as medidas de presión necesarias, polo que estamos a agardar que os compañeiros que permanecían pechados en Traballo se veñan con nós en manifestación pola cidade".
Cos traballadores do naval da zona de Teis e de Barreras, xa xuntos neste ponto da cidade, na Praza da Estrela, daba comezo unha marcha que percorrería as rúas de Colón, Urzáiz e Gran Vía, até chegar á Praza dos Cabalos, onde se realizaría unha pequena parada, para concluir nunha asemblea final na Praza do Concello.
Asemblea final na Praza do Concello
"Aqui está a vanguarda do convenio do Metal", subliñaba Malvido na súa intervención na Praza do Concello, ao tempo que explicaba que "hai distintas maneiras de enfocar esta negociación, e a patronal non entende a nosa mensaxe".
Dúas novas xornadas de folga para a semana
Nese sentido, expuxo o camiño andado na mobilización e loita polo convenio provincial do sector que "comezamos cunha asemblea conxunta de delegados, na que realizamos unha marcha á Delegación de Traballo, que foi un primeiro aviso para a Administración e para a patronal, pero non foi suficiente. Decidimos dar un paso máis co peche, e hoxe fixemos unha demostración de forza co paro do Naval, e imos convocar ao resto do sector con dous dias de folga para todas as empresas afectadas polo convenio provincial en toda a provincia de Pontevedra, e para iso os da Comisión non podiamos estar pechados, precisamos organizar os piquetes para o primeiro dia de folga".
Pelexar con dignidade polo convenio
Por último, o secretario nacional da CIG-Metal indicou que "este é un convenio que precisa do esforzo de todos, e é que falan moito da crise pero esta crise que a paguen eles, os especuladores, os que inflaron o mercado financeiro, porque non ten ningún sentido que os traballadores suframos a crise e ademais nos queiran facer pasar a factura no convenio, porque este convenio é a nosa lei, polo que levamos anos pelexando, e imos continuar a pelexar con dignidade como todos os outros anos".
Galería gráfica
Na Galería Gráfica da nosa web podedes atopar máis imaxes desta xornada de loita.