Medidas do goberno: na liña de sempre
Pero cales son as respostas do Goberno á crise? As medidas recollidas no Real Decreto van polo camiño habitual: favorecer ao capital. A novidade máis salientábel das propostas do executivo de Zapatero atópase nunha curiosa fórmula para incentivar a contratación: que o traballador/a cubra os gastos á seguridade social coas prestacións ou subsidios. Segundo se recolle na medida até ao 31 de decembro de 2009, a contratación indefinida de traballadores/as desempregados/as beneficiarios de prestacións ou subsidios por desemprego ou da renda activa de inserción (RAI) vai dar dereito á bonificación de 100% da cota empresarial á Seguranza Social.
Deste xeito estase creando unha clara discriminación entre aqueles traballadores/as que gozan de prestacións e os que xa as esgotaron ou non xeraron dereito a recibir subsidio.
“Estamos ante a medida máis desafortunada das incluídas no Real Decreto-Lei, pois lanza os desempregados a unha competición desigual polo emprego, na cal serán máis «atractivos» para as empresas os traballadores cunha prestación pendente máis elevada (que permiten bonificar unha maior cota, reducindo o seu custo salarial) fronte a aqueles que teñen menor prestación pendente ou non son perceptores de prestación ningunha”, explica o avogado da CIG, Héctor López, nun informe.
Reivindicacións máis necesarias
Dende a CIG, o vindeiro Primeiro de Maio continuarase a reclamar a reactivación da economía coa creación dunha banca Pública, tamén en Galiza, que non permita o estrangulamento do sistema produtivo; a protección dos desempregados/as e daqueles/as que xa non teñen ingresos por medio dun salario de reinserción laboral; unha fiscalidade progresiva na que paguen máis os máis ricos, ampliar os sistemas de protección social básicos (saúde, pensións, atención a situacións de dependencia e discriminación, etc, ); o desenvolvemento de infraestruturas e actividades económicas que se baseen na protección do medio ambiente e potenciar a soberanía alimentar..., é dicir, avanzar cara a un novo modelo económico e social, que comprometa a soberanía do pobo galego e o socialismo do século XXI.
Sobran as razóns para participar o vindeiro 1 de Maio nas manifestación convocadas pola CIG en todo o País.
MANIFESTACIÓNS PREVISTAS NAS DISTINTAS COMARCAS
VIGO: ás 12:00 con saída dende a Doblada.
A CORUÑA: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo.
COMPOSTELA: ás 12:30 horas dende a Praza Roxa.
FERROL: ás 12:00 horas con saída na Avenida do Esteiro.
A MARIÑA: ás 12:30 horas dende a Praza do Conde de Fontao (FOZ).
LUGO: ás 12:00 horas dende a Ronda da Muralla
OURENSE: ás 12:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
PONTEVEDRA: ás 12:00 horas dende a Praza da Ferrería.