Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 29/4/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Administración denuncia irregularidades na convocatoria dunha praza da sociedade Turgalicia

A central sindical demanda á Dirección Xeral da Función Pública a paralización e anulación do proceso
A CIG-Administración vén de de denunciar irregularidades na convocatoria dunha praza da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia), pois, aclaran, o proceso incumpre a lei de organización e funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico. Diante desta situación, o sector de Autonómica da CIG xa remitiu o correspondente escrito á Dirección Xeral da Función Pública demandando a paralización e anulación da convocatoria.

O pasado 18 de abril, explican, a  Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia) publicou as bases da convocatoria dunha praza de persoal con carácter indefinido, no posto de "xefe de área de xestión económica e de persoal". No procedemento de selección mediante concurso-oposición existe unha entrevista persoal e a persoa seleccionada pasará a integrarse no cadro de persoal laboral fixo do ente.

Da análise da convocatoria despréndese  que non se cumpre o artigo 58 da Lei 16/2010, do 17 de decembro de organización e funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galiza. Dito artigo, estabelece que a selección do seu persoal, agás o directivo e demais excepcións previstas nesta lei, será realizada polo centro directivo competente en materia de función pública e seranlle aplicábeis as disposicións da lexislación galega sobre emprego público relativas a:

•    Composición e funcionamento dos tribunais ou das comisións de selección.

•    Bases das convocatorias.

•    Probas de selección

Por iso, explican dende a CIG-Autonómica, debería ser a Dirección Xeral de Función Pública, e non a propia sociedade, a que realizara a selección para cubrir esta praza ao non tratarse dun posto directivo.

Outra das irregularidades detectadas refírese á composición e funcionamento dos tribunais ou comisións de seleccións, que teñen que ser nomeados polo Director Xeral de Función Pública, e non pola conselleira-delegada de Turgalicia, como se estabelece nas bases da convocatoria.

As probas de selección, sen garantías

En canto ás  bases da convocatoria e as probas de selección, neste caso só se esixen 10 temas, cando nas probas selectivas de titulados superiores de persoal laboral se piden 70 ou 80 temas e en persoal funcionario, aproximadamente, un centenar.

Ademais, mentres nas probas selectivas do grupo I de persoal laboral ou do grupo A de funcionarios se fan 3 ou 4 exercicios, neste caso só se pide unha simple proba teórica-práctica sen máis especificar. “Nas bases non se observa que se estabeleza ningunha garantía para asegurar o anonimato dos opositores nin garantía de que o exame, o “suposto teórico-práctico” non se vaia filtrar”, matiza o responsábel de Organización da CIG-Autonómica, Alexandre Prieto.

Na fase de concurso non se especifica en que categoría se valora a experiencia e valórase en maior medida a experiencia en sociedades públicas que na propia administración. Tamén se dispón que se valora a experiencia ante a AEAT, non na AEAT.

“En definitiva prodúcese un cúmulo de irregularidades que leva a pensar que a praza xa está asignada de antemán, que se trata dunha convocatoria para meter a alguén pola porta de atrás”.

Por todo iso, a CIG xa solicitou da Dirección Xeral da Función Pública a paralización e anulación inmediata da convocatoria.

cig.prensa@galizacig.com