Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/4/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Julio Roberto Gómez, Secretario Xeral da CGT inaugurando o Congreso en presenza dos Presidente e Vicepresidente colombianos.

A CIG asiste ao IX Congreso da CGT de Colombia que se está a celebrar en Bogotá

A central sindical colombiana foi pioneira na sindicalización da poboación traballadora da economía informal
Con asistencia de 1.300 congresistas chegados de todo o territorio nacional está celebrándose en Bogotá sob o lema “É a hora do pobo”, o IX Congreso Nacional da CGT - Confederación Xeral do Traballo de Colombia. Organizacións sindicais de Aruba, Arxentina, Bélxica, Brasil, Chile, Costa Rica, Curaçao, Estado español, Galiza, Guatemala, Holanda, México, O Salvador, Panamá, Perú, Rep. Dominicana e Venezuela están acompañando as sesións congresuais.

Cartaz do Congreso

No marco do Congreso, o luns 25 celebrouse un seminario sindical internacional consistente en dúas mesas redondas cos temas “A globalización capitalista e o seu impacto no emprego” e “Convenios Internacionais da OIT, liberdade sindical e dereitos humanos”, participando a CIG como poñente na primeira delas.

No acto inaugural do congreso participaron o Presidente e o Vicepresidente de Colombia, quen tiveron que escoitar fortísimas críticas a respecto das políticas de exterminio de sindicalistas e de sindicatos que se ven practicando de maneira sistemática neste país caribeño: nos últimos 21 anos, 2.800 sindicalistas foron asasinados – o último este mesmo mes de abril – nunha absoluta impunidade e unha lexislación antisindical foi paulatina e implacabelmente establecida. Con estes antecedentes non é de estrañar que só o 4% da poboación traballadora estea afiliada a algún sindicato, sendo o 80% desta afiliación procedente do sector público.

A CGT foi pioneira na sindicalización da poboación traballadora da economía informal, iniciativa que hoxe está incorporada seguido pola práctica totalidade das organizacións sindicais de Latinoamérica e África. Creada o 1º de maio de 1971, este congreso coincide co 40 aniversario da súa fundación.

O Congreso está traballando en 24 comisións (Seguridade Social, Paz e dereitos humanos, Migracións, Organización, Pobos afrocolombianos e indíxenas...) que levan as respectivas conclusións a plenario para ser definitivamente aprobadas.  Un punto é importante é a modificación dos estatutos, sendo algunhas das innovacións propostas:  creación da figura de Presidente, ampliación dos organismos de dirección e establecemento dunha cota de xénero do 30%. O Congreso elixirá a nova dirección despois de aprobar os cambios estatutarios, adaptando a súa composición aos novos estatutos.

cig.prensa@galizacig.com