Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 29/4/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Traballadoras/es de Lavandería La Espuma acusan ao propietario da empresa de engano e estafa

Parte do persoal entregou 54.000 euros á empresa para afrontar débedas, baixo o compromiso do actual dono de constituír unha nova sociedade cooperativa cos/as empregados/as
Un grupo de traballadoras e traballadores de Lavandería La Espuma (situada no Polígono da Grela) queren denunciar publicamente ao propietario da empresa por engano e estafa. Os sete traballadores/as entregaron á compañía 54.000 euros para a constitución dunha nova sociedade cooperativa, que finalmente non se puido crear xa que o dono da lavandería non compareceu ante o notario o día previsto. Os/as traballadores/as xa adiantaron que de non darse unha solución, a vindeira semana presentarán denuncia no xulgado do penal.

Sete empregados/as de Lavandería La Espuma, diante da crítica situación económica que arrastraba a empresa e nun intento de salvar os seus empregos, acadaran un acordo verbal co propietario do negocio (e os seus fillos) mediante o que se comprometían a inxectar capital na empresa e a crear unha cooperativa que se fixese cargo da nova sociedade. Por mor deste acordo, os/as traballadores/as aprazaron, como parte do capital, o cobro das débedas salariais que a empresa tiña contraído e achegaron en conxunto 54.000 euros, cos que afrontar os pagos máis inmediatos (cotas da Seguridade Social, débedas a Facenda, hipoteca da nave, provedores, facturas, etc.).

A cambio, os propietarios renunciarían ao dereito de subscrición preferente das participacións sociais que resultasen da ampliación de capital e cederían aos traballadores/as cooperativistas o inmoble no que está instalada a lavandería, todo por un prezo simbólico.

Para sorpresa das/os traballadoras/es afectados/as, o día fixado para dar cumprimento ante notario destes compromisos, nin o propietario nin os seus fillos compareceron no lugar da reunión. Segundo indicaron os traballadores/as, a única explicación que recibiron do empresario foi a negativa deste a asinar calquera documento mentres non lle garantiran a entrega dun piso ao seu fillo.

Diante desta situación, os traballadores/as requiriron por escrito a convocatoria da Xunta Xeral da sociedade para proceder a ampliación do capital e á efectivización de todos os acordos acadados. Xunta que tivo lugar os días 18 e 19 deste mes, mais á que non se presentaron os empresarios nin ofreceron explicacións pola súa actitude.

Así as cousas, o colectivo de empregadas/os está ultimando a presentación da demanda contra o empresario no xulgado do penal ao entender que foron vítimas dun engano para que entregasen os cartos á empresa; feito que podería ser constitutivo dun delito de estafa.  Ademais, as traballadoras e traballadores xa demandaron a extinción dos seus contratos pola vía xudicial por falta de pagamento de salarios.

Cabe subliñar que o persoal e o anterior administrador conseguiran un aprazamento das débedas coa Seguridade Social e con Facenda grazas, sobre todo, ás contías económicas achegadas polos traballadores/as e ás previsións de crecemento da actividade na lavandería industrial.

A situación de incerteza na que se atopan os/as traballadores/as vese agravada polo feito de que dende a saída do administración a empresa non ten nomeado de xeito oficial un novo administrador, polo que o persoal non sabe a quen dirixir as súas reclamacións.

Alén da perda dos cartos, os propietarios continúan ignorando as súas responsabilidades económicas e sociais, incrementando así as débedas contraídas pola empresa e dificultando unha saída para os traballadores/as. De feito, os traballadores e traballadoras temen que nos vindeiros días as compañías subministradoras procedan a cortar a auga, a luz e o gas por impagamento de facturas. Isto impediría a realización das tarefas da lavandería e o incumprimento cos/as clientes, coas consecuencias que isto pode traer.

A delegada de persoal da CIG na Lavandería La Espuma, Verónica Liste, xa adiantou que as traballadoras e traballadores están dispostos a dar a batalla polo que lexitimamente lles corresponde e na defensa do mantemento do seus empregos. 

cig.prensa@galizacig.com