Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Ocupan o despacho do Director Xeral de Comunicación Audiovisual

Ante a negativa da administración a dar a unha solución aos despedimentos
Esta mañá un grupo de sindicalistas da CIG realizou un peche simbólico no despacho do Subdirector Xeral de Comunicación Audiovisual, nos edificios da Xunta en San Caetano, como protesta polo despedimento de todo o cadro de persoal da exposición permanente "Galicia Dixital". O peche mantívose por unha media hora até que os sindicalistas foron desaloxados por membros da Policia Autonómica tras ser identificados.

En Galicia Dixital traballaban 11 persoas (10 mulleres e un home) desde o ano 2000. Desde aquela xa pasaron tres empresas adxudicatarias e non houbo nunca ningún problema con elas xa que asumían a este persoal. Sen embargo, neste último caso, a nova empresa adxudicataria non se fai cargo alegando que no prego de condicións non aparece a palabra subrogación e, polo tanto, considera que non teñen obriga de asumir o persoal, tal e como viña aparecendo nos anteriores pregos desde o anterior Goberno autonómico.

Esta é a primeira vez que unha contrata da Xunta non asume o persoal, xa que é habitual que en todos os pregos se recoñeza este dereito dos traballadores e traballadoras, e non só na Administración Autonómica, senón tamén na Estatal, Local ou outros ente públicos como o Parlamento, TVG, TVE, etc. Esta é a consecuencia directa de privatizar servizos públicos e que os xestionen intereses privados.

Desde a CIG xa iniciamos actos de protesta por este despedimento de todo o cadro de persoal e o seguiremos denunciando en todos aqueles actos que haxa do Presidente da Xunta, o sr. Pérez Touriño, de quen depende directamente este servizo, así como do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, para denunciar desta maneira a hipocrisía do Goberno da Xunta en materia laboral.

cig.prensa@galizacig.com