Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Correos denuncia que máis de 4.5 millóns de obxectos postais permanecen sen repartir na Galiza

A central exixe a dimisión do presidente da empresa no País e pide que se faga o reparto extraordinario do período electoral
Entre 4.5 e 5 millóns de obxectos postais permanecen sen repartir na Galiza, segundo os cálculos realizados pola CIG-Correos. O exceso do volume da correspondencia acumulado responde á decisión do goberno de Zapatero de suprimir o reparto extraordinario que habitualmente se viña realizando en período electoral, que agora se engade aos problemas estruturais do servizo no noso País e á falta de persoal.

Como exemplo da grave situación na que se atopa o sistema de reparto postal na Galiza, dende a CIG-Correos sinalan que tan só en Vigo hai pendentes máis de 600.000 obxectos postais, e prevese que a principios da vindeira semana esta cifra se incremente en 200.000 obxectos. Mentres en Rianxo hai acumulados uns 50.000 envíos.

A situación crítica responde, segundo explica Anxo Álvarez, secretario de organización da CIG-Correos, á decisión adoptada polo goberno central de suprimir o reparto extraordinario de correspondencia que se realizaba habitualmente durante o segundo sábado de campaña electoral. Non obstante, este ano decidiuse eliminar ese servizo extra “por motivos económicos, co conseguinte atraso no reparto da correspondencia e a perda de cualidade do servizo que isto supón”, subliña Álvarez, quen insiste nos atrancos que pode causar aos usuarios e usuarias recibir con atraso a seu correo.

Dimisión do responsábel no País

Ante esta situación, dende a CIG-Correos esíxese a dimisión do Presidente de Correos en Galiza, Sixto Heredia, “pola súa incompetencia e pola súa actitude destinada a desmantelar o sistema postal público no noso País”, denuncia Anxo Álvarez.

A CIG-Correos ten denunciado en numerosas ocasións os problemas que padece o servizo postal en Galiza por mor da falta de persoal tanto de oficina como de reparto e as consecuencias que isto supón na diminución da cualidade deste servizo. De feito, na provincia de A Coruña, a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa, xa teñen iniciado unha campaña de mobilizacións que rematará o vindeiro mes de xuño cunha gran manifestación en Compostela.

cig.prensa@galizacig.com