Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 29/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Consuelo Martínez, delegada da CIG e do Comité de Empresa de Povisa.

Continúan as coaccións e ameazas ao persoal de Povisa, que remata unha exitosa xornada de mobilizacións e folga

Este hospital resentiuse moito na súa actividade malia ao exceso dos servizos mínimos
O venres ás doce da noite rematará esta quinta xornada de folga no centro de saúde de Povisa. Foi unha semana chea de tensións, un conflito moi duro no que as traballadoras e traballadores puxeron valor e forza, tanto as centos de persoas que participaron dos piquetes asi como aquelas, que obrigadas a traballar en servizos mínimos, realmente cumpriron eses servizos mínimos mais que se negaron a traballar en departamentos e equipas que non eran as súas, e que colapsaron realmente este hospital.

Na xornada do 29 de maio, aínda que desta volta se pode falar de que houbo un piquete tranquilo, xurdiu outro grande problema. Desde o Comité de folga propuxeran que estivera en servizos mínimos un traballador do  persoal do servizo electrónico para atender as máquinas, mais a dirección desde a súa soberbia e prepotencia indicou que era suficiente con que estivera nestes servizos mínimos o xefe de mantemento. O venres, cando había pacientes agardando para recibir a súa sesión de diálise encontráronse con que non podian pasar esta sesión porque todas as maquinas estaban estropeadas.

Segundo relata Consuelo Martínez, delegada da CIG e do Comité de empresa de Povisa, "tivemos a sorte de que un destes traballadores estivera a participar do piquete e que subira ao hospital solucionar o problema", e denuncia que "este feito foi moi grave porque coidar aos pacientes é fundamental, e xa se ve o que pensa a dirección de Povisa deste tema, só son clientes".

Ameazas e coaccións

Ademais a dirección da empresa mantivo a súa actitude de prepotencia e continuou coas ameazas e coaccións, e desta volta xogaron co salario e foron espallando o rumor de que á xente que fixera folga o venres tampouco se lles abonaria o salario de sábado e domingo, se non tiñan quenda na fin de semana. Martínez subliña que "ai se demostra que dirección temos, a falta de democracia que vimos denunciando que existe en Povisa".

Avaliación moi boa desta semana

Consuelo Martínez avalia esta semana de folga como "moi positiva, porque tivemos a moita xente activa na folga e á xente en servizos mínimos estivo realmente cumprindo o seu labor de servizo mínimo. Por exemplo, en Arquivos para 2.000 pacientes só sacaron trescentas historias, e houbo moitas visitas que se pasaron sen coñecer a historia do paciente, mais desde hoxe os medicos xa se negaron a que isto continuara a acontecer e anularon citas".

Por último, Martínez lembrou que en Povisa "non se van facer horas extras para recuperar o traballo até que remate o conflito".

cig.prensa@galizacig.com