marco
Compostela, 29/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Contra ás oito da mañá os traballadores do metal comezaron a subir aos preto de 40 autobuses que os trasladarían até Pontevedra, onde se ían reunir cos compañeiros de O Salnés, O Morrazo e Pontevedra.
Antolín Alcántara, secretario confederal de negociación colectiva da CIG, dándo instrucións antes de iniciar a marcha.

Máis de 2.600 traballadores do metal colapsan a N-550 na primeira xornada da marcha pola dignidade até Compostela

Os folguistas pernoctarán en Cesures, Valga e Padrón, dende onde reinicirán o camiño ás nove da mañá do martes
Logo de 18 exitosas xornadas de folga, os traballadores do metal iniciaron unha marcha a pé dende Pontevedra até Compostela para reclamar á Xunta de Galiza unha maior implicación e que tome a iniciativa na mediación dun conflito de tanta trascendencia e importancia como o de metal. Na marcha participan arredor de 2.600 traballadores que percorrerán os máis de 60 quilómetros que separan Pontevedra da capital da Galiza para reivindicar o seu dereito a un convenio digno e facer visíbel a súa loita a todos aqueles que aínda non a quixeron recoñecer.

Contra das oito das mañá do luns 29 de xuño, os cidadáns e cidadás de Vigo eran testemuña da marcha dos preto de 40 autobuses que partían cara a Pontevedra, onde os folguistas se unirían ao resto dos compañeiros de Pontevedra, O Morrazo e O Salnés, que os agardaban xunto ao estadio de Pasarón.

Pouco despois das nove e media, uns 2.600 traballadores iniciaban a súa particular “peregrinación” até Compostela, onde mañá protagonizarán unha concentración diante do complexo administrativo de San Caetano, a onde está previsto que cheguen sobre as 14:30 horas.

A mobilización supón un paso máis na loita a prol dun convenio digno, pero tamén unha chamada de atención á Xunta de Galiza para que se implique de xeito máis activo e directo nun conflto de tanta transcendencia como é a consecución dun novo convenio para un sector que ocupa a máis de 27.000 persoas na provincia de Pontevedra.

Chegada a Caldas e primeiras baixas

A marcha pola dignidade culminou os primeiros 20 quilómetros da ruta sobre as 13:30 horas, cando os folguistas chegaron a Caldas de Reis, localidade na que pararon a xantar. Ao seu paso pola N-550, os traballadores ocuparon ambos carrís da estrada Pontevedra-Comspotela, o que provocou cortes de tráfico e que se rexistraran importantes retencións durante todo día.

Durante a mañá tamén tiveron lugar dous pequenos accidentes nos que resultaron feridos nunha man e nun pé dous traballadores, que se viron forzados a abandonar a mobilización.

Noite en Cesures, Valga e Padrón

 

Logo do xantar, os traballadores en folga continuaron o seu camiño cara a Cesures, Valga e Padrón, onde pasarán a noite distribuídos nos pavillóns municipais destes tres Concellos.

Xa na mañá do martes realizarase o último tramo dos máis de 60 km. de marcha á pé até Compostela, onde está previsto que cheguen arredor das 14:30 horas. Alí terá lugar unha concentración diante dos edificios da Xunta en San Caetano, na que os traballadores do metal irán vestidos cos monos azuis de traballo para “que se nos distinga”.

Continúa a loita

"Seguimos incrementando a intensidade da folga”, sinalaba o secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara, en plan marcha até Padrón, ao tempo que destacaba a elevada participación de traballadores na marcha, a pesar da dureza da mesma.

Alcántara explicou tamén que esta semana os traballadores decidirán se continúan coa folga indefinida ou mudan os ritmos de tempo, de xeito que as empresas se vexan na obriga de abonar unha parte dos salarios e os traballadores non se resultan tan castigados no aspecto económico. A medida decidirase ante a perspectiva de que o conflito se prolongue no tempo, por mor da intransixencia amosada pola patronal.

“A Xunta que teña moderación”

A respecto das declaracións realizadas pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato, a respecto da marcha a Compostela dos traballadores do metal, o secretario de negociación colectiva instou á Xunta a “que mellor cale a boca”, en referencia ao claro posicionamento a favor da patronal mantido pola administración dende o inicio da negociación do convenio do sector.

“Dende a Xunta sempre estiveron reprochando aos traballadores o seu dereito ao exercicio da folga, responsabilizándonos da situación das empresas, cando os traballadores foron os que estiveron levantando as empresas, e sobre todo, cando os empresarios son os últimos que teñen a palabra para pór fin a este conflito”, aseverou.

Apoio dos compañeiros de Navantia Ferrol

Os traballadores de Navantia Ferrol e de varias empresas auxiliares do estaleiro concentráronse durante a mañá diante da entrada da empresa para amosar o seu apoio aos compañeiros do metal de Pontevedra e ás súas reivindicacións. A mobilización estivo convocada pola CIG en solitario, logo dos fracasos por acadar un pronunciamento conxunto das organizacións sindicais que compoñen o Comité.

Máis imaxes da xornada 

Podedes consultar máis imaxes desta xornada nesta ligazón ou na sección multimedia da web.