Comercios, mercerías e tendas de roupa pecharán as súas portas o vindeiro xoves día 1 de xullo, coincidindo co inicio das rebaixas de verán, para denunciar o inmobilismo da patronal tras máis de ano e medio sen avances na negociación do convenio. O paro afectará tamén a grandes multinacionais do sector como Inditex, H&M ou Cortefiel. O anuncio foi feito hoxe martes en rolda de prensa por representantes dos tres sindicatos.
Dende as centrais sindicais convocantes explican que as conversas suspendéronse o pasado 31 de decembro de 2008, sen que en 2009 e 2010 se teñan producido avances. “A oferta que fai a patronal é un convenio de tres anos cun incremento salarial do 1,5% en 2009, 2% en 2010 e 2,5% en 2011, o que na práctica supón uns 12 euros de subida, tendo en conta que o salario medio son 834 euros”, indica María do Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo. A representante sindical lembra que as pretensións que manexan as tres centrais contemplan chegar aos 1.000 euros en dous anos, "nun sector con maioría de mulleres e moi precarizado, onde os contratos a tempo parcial son masivos".
Pola súa banda, a responsábel de Acción Sindical de CCOO, Rosa Pérez, incidiu en que se trata dun sector ao que non lle está a afectar a crise económica e cuxas multinacionais rexistraron beneficios “incluso superiores aos dalgúns bancos”. A representante sindical censura que, a pesar desta situación, “as empresas seguen a manter unhas condicións laborais indignas”. Nesta liña, apostou tanto por conseguir mellorar os salarios como por “regular o sector no que respecta a contratacións, condicións laborais e categorías profesionais”.
Finalmente, a responsábel de Acción Sindical da UGT da provincia de Pontevedra, Eva María Rojas, quixo deixar claro que non van renunciar ao carácter retroactivo do convenio e reclamarán os 18 meses de atrasos unha vez aprobado o documento.