Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/6/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A II Flotilla da Liberdade ultima os detalles loxísticos antes de saír cara a Gaza

O Goberno de España “desaconsella a participación na Flotilla e non se responsabiliza das posíbeis consecuencias sobre os participantes que se poidan derivar da súa participación nela”
Varios centos de activistas chegados de diveros paises europeos, dos Estados Unidos e do Canadá están chegando a diferentes portos mediterráneos desde os que sairán a ducia de navíos nos que embarcaremos rumbo a Gaza para levar algo máis de 5000 toneladas de material humanitario rompendo o bloqueo imposto por Israel e para amosar ao Pobo Palestino a nosa solidariedade e apoio para con a sua xusta loita a prol dun Estado propio.  Arredor de 50 periodistas viaxarán tamén nos barcos da Flotilla, completando así as 500 persoas que intentegramos a expedición.

Os integrantes da Comisión da Supervisión da Carga Humanitaria na rolda de prensa realizada no Parque Exarquia da cidade ateniense.

 

Crónicas desde algún lugar do Mediterraneo

Por Moncho Boán.

Representante da CIG na II Flotilla da Liberdade

Martes 28 de xuño

Israel está moi preocupado coa posibilidade de que a Flotilla cumpra os seus obxectivos. Froito desta preocupación son as fortísimas presións diplomáticas que está a facer  tanto sobre os países de orixe dos integrantes da Flotilla como sobre aqueles países onde está os diversos portos de embarque. Estas presións  están encontrando eco na maior parte dos estados da Unión Europea, incluído o Goberno de España que “desaconsella a participación na Flotilla e non se responsabiliza das posíbeis consecuencias sobre os participantes que se poidan derivar da súa participación nela”. A mesma posición mantivo publicanente o Secretario Xeral da ONU, que declarou  “equivocada e de alto risco” a saída da Flotilla cara a Gaza.

Nesta escalada de amedrentamento e atrancos, o goberno de Grecia decidiu impedir que o barco fletado polos estadounidenses poida abandonar o porto grego no que está fondeado, decisión comunicada despois de que unha  descoñecida e autodeclarada ONG ecoloxista israelií  presentase unha denuncia contra o barco por posíbel delito ecoloxico. Desde Filipinas, a Secretaria de Estado USA, Hillary Clinton, respaldou a medida do goberno grego e un portavoz do goberno estadounidense declarou que se “algún activista norteamericano se embarca na flotilla poderá ser xulgado por dar apoio a unha organización terrorista” en referencia a Hamas. É a primeira baixa entre os navios que terían que  saír de inmediato cara a Gaza.

Igualmente, o goberno grego decidiu non autorizar a saída de un dos dous cargueiros  aducindo algunhas deficiencias técnicas.  Xa por último, o luns 27 de xuño algúns dos barcos sufriron “desperfectos intencionados a cargo de persoas descoñecidas” que, cando menos de momento, van deixar á delegación sueca en terra.

É a cuarta embarcación que causa baixa na II Flotilla da Liberdade. Previamente o barco no que viaxarían escoceses, suizos e alemáns tivo que desistir por imposición da compañia alugadora da embarcación. Un goteo de baixas que persegue “afundir a flota en porto”. É moi posíbel que unha pequena representación simbólica das delegacións que non poden embarcar, sexa incorporada aos outros barcos, o igual que un representante dos familiares dos activistas turcos asasinados por Israel durante a abordaxe da I Flota da Liberdade.

Incremento das presións israelís

As presións israelís non só non diminúen, senón que se incrementan co paso dos días: continúa a difundir informacións insistindo na realización de exercicios militares que inclúen “accións de abordaxe en alta mar”, reafírmanse no anuncio de que “se están a acondicionar varias prisións por se fose necesario dispoñer de espazo para acoller a persoas que vulneren a lexislación nacional por intentar obviar a prohibición de entrar na Franxa de Gaza”, ou lembran repetidamente que “baixo ningún concepto se permitirá a chegada a Gaza” da Flotilla.

Con todo, nas últimas horas, o goberno israelí anunciou que non utilizará armas en contra dos barcos e dos seus pasaxeiros e que de intentar romper o bloqueo seremos trasladados a Israel pera ser deportados o máis rapidamente posíbel.  Mentres o goberno israelí cambiou parte do discurso mantido até o de agora recoñecendo publicamente que a Flotilla non transporta armamento, unha parte da prensa israeli continúa insistido en que os barcos “transportan explosivos e líquidos susceptíbeis de seren utilizados para fins terroristas”.

As informacións provenientes de Israel de que se evitarán as abordaxes ao estilo das sufridas pola Flotilla do ano pasado con resultado de 9 activistas asasinados e ducias  de feridos, están na “onda” do que acaba de declarar a Ministra de Asuntos Exteriores española, Trinidad Jiménez, pedindo “contención” ao goberno israeli. Triste papel o da diplomacia española, que non se separa un milímetro da liña de actuación marcada polo goberno de Israel.

Pola contra, o goberno de Irlanda “esixiu” a Israel que se “absteña de atacar ou fustigar á Flotilla permitindo que se leva a cabo a acc ión humanitaria anunciada, obxectivo central da iniciativa marítima de carácter internacional”. Tamén o goberno sueco se pronunciou abertamente a favor da Flotilla, recebendo na súa embaixada en Atenas a unha delegación do Comité Organizador Internacional.

Roldas de prensa

Na última semana realizáronse dúas rodas de prensa, a primeira delas a cargo da Comisión de Supervisión da Carga Humanitaria, formada por 10 toneladas de material sanitario, escolar e construtivo recollido por moi diversas organizacións do estado español apoiantes da “Campaña Rumbo a Gaza”.

Os membros da comisión expresamos  a nosa satisfacción polo feito de que os Inspectores gregos que revisaron o cargamento certificaran a inexistencia de armas ou obxectos que poidesen ser utilizados como tales, desmentindo asi  unha das numerosas e mentirosas acusacións  que o estado Israeli andaba a espallar naqueles días. Na mesma roda de prensa presentouse a recreación pictórica do Gernika de Picasso realizado por artistas plásticos vascos contemporáneos. A obra realizouse hai anos para ser enviada a Iraq, pero a invasión americana impediu o seu envío; por este motivo é agora enviada a Palestina nunha “reciclaxe” que Alfonso Sastre calificou como “superposición e acumulación de causas xustas”.

Na segunda roda de prensa, realizada polo Comité Internacional o luns 27 de xuño en Atenas, ante unha numerosísima presenza de medios informativos de todo o mundo, reiterouse a petición a Israel para que non impida nin dificulte a chegada dos barcos a Gaza. Fíxose especial mención a que un dos dous barcos franceses xa levaba un día navegando despois de sair desde Córcega e anunciouse que as previsións son de que a totalidade “superviviente” da Flotilla se rúna o xoves ou venres nalgún punto do Mediterráneo para continuar xa todos xuntos en dirección a Gaza.

Diversos medios de prensa van viaxar nos barcos da Flotilla. Polo que respecta ao Gernika, barco no que viaxará a delegación do estado español, contará coa presenza de periodistas de Público, El Periódico de Cataluña, El Mundo, a sudamericana Telesur e a árabe Al-Jazzira. Todos son coñecedores da ameaza israeli de prohibir durante 10 anos a entrada a Israel aos periodistas que embarquen na II Flotilla da Liberdade.

cig.prensa@galizacig.com