O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, cuestiona o suposto éxito acadado polo goberno do estado Español e nomeadamente polo seu presidente, Mariano Rajoy. Éxito que se resumiría en ter conseguido que o rescate fora un préstamo directo á banca que non afectaría ao Estado e, polo tanto, á débeda pública. “Iso non se conseguiu” afirma Seixo, quen explica que “queda condicionado a que se cree unha entidade financeira de ámbito europeo, denominada supervisor único. De crearse, suporía unha cesión de soberanía por parte dos estados que obrigaría a modificacións constitucionais e iso vai para longo”. Por iso, conclúe que, “o que si é concreto e real é que quen solicita eses cartos é o estado español, que será, polo tanto quen se vai ter que responsabilizar da súa devolución” e que, entre mentres, “vai ser débeda e déficit público que se incrementa”.
Seixo asegura que o único que se acadou, e respecto do que había dúbidas, é que a devolución do préstamo de 100.000 millóns de euros ao estado español non terá carácter preferente sobre calquera.
Respecto da creación dese supervisor único, o secretario xeral da CIG explica que “tampouco é para botar foguetes”, porque vai implicar cesión de soberanía e condicionar todas as decisións en políticas económicas claves, medidas de carácter orzamentario e políticas fiscais. “Pasaría a ser un estado tutelado por ese supervisor financeiro e a estar ao servizo das políticas económicas que impoña a UE e a banca europea, ou o que é o mesmo, a banca alemá”.
Alerta tamén do cuestionábel carácter democrático que isto tería, tendo en conta “o escaso carácter democrático das institucións europeas no seu conxunto” e denuncia “o pouco problema que supón para as autoridades españolas ceder soberanía á UE cando nos cuestionan a nós cando a reivindicamos”.
Máis recortes
O secretario xeral da CIG denuncia que o rescate vai vir acompañado de novas medidas de recorte no referido a investimento público, en materia de servizos públicos, como ensino e sanidade ou servizos sociais. Lembra que as institucións europeas e internacionais como o FMI, insistiron na necesidade de que se camiñe cara novas reformas laborais, “xa non sei até onde poden chegar, porque logo da dureza da última é difícil saber cal é a próxima”; adiantar a idade de xubilación aos 67 anos, que estaba previsto que entrara en vigor para o ano 2027 e modificar o IVE, cunha suba nos produtos básicos. Toda unha serie de medidas que van en prexuízo dos dereitos da clase traballadora e da calidade de vida da maioría social”.
Asegura que o capital está aproveitando esta situación, non só para seguir obtendo importantes beneficios, en época de crise, senón tamén “para desmantelar un sistema de protección social, de dereitos sociais en torno a uns servizos públicos de calidade; desmantelar un modelo de relacións laborais tamén garantista de dereitos para a clase traballadora e para facerse co negocio en torno á saúde, ao ensino e aos servizos públicos básicos”.
Ante isto reitera a necesidade de seguir coa mobilización social e chama a participar nas manifestacións convocadas para este domingo, para denunciar estas políticas “tan antisociais e antiobreiras” e exixir outras políticas “que garantan a saída da crise, que axuden a crear emprego e que sexan defensoras dos intereses da maioría social, canto a dereitos sociais e calidade de vida”. Unha loita que, afirma “é para tempo”, porque a saída da crise non vai ser inmediata, e que precisa tamén “ir mudando a correlación de forzas no campo laboral, das relacións laborais pero tamén no institucional intentando que perdan a maioría no Parlamento as forzas políticas que están defendendo estas políticas lesivas para a maioría social”.
Horarios e lugares das manifestacións:
-A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo.
-Santiago: ás 12.00 horas dende a Praza Roxa.
-Lugo: ás 12:00 dende a Ronda da Muralla (edificio sindical).
-Ourense: ás 12:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
-Pontevedra: ás 12:00 horas dende a Praza da Ferrería.
-Vigo: ás 12:00 horas dende o cruce da Doblada.
-Vilagarcía de Arousa: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar.
-A Estrada: ás 12.00 horas dende a Praza do Concello.