Dende o comité de empresa (2 CIG, 2 UGT e 1 independente) explican que adoptaron a decisión despois de que os problemas para cobrar iniciados hai meses se agudizasen nos últimos tempos. O paro afectou a toda a xornada laboral e estendeuse entre as 7.00 a 15.00 horas. Ao mesmo tempo, os traballadores/as mantiveron unha concentración ás portas da compañía entre as 7.00 e as 12.00 horas.
Os representantes do cadro de persoal, composto por 55 persoas, denuncian que hai compañeiros/as en ERE a pesar de que a compañía conta cunha importante carga de traballo, e que o propietario sostén que non pode pagar os salarios porque non cobra dos seus clientes. Diante disto, non descartan seguir coas mobilizacións no caso de que a empresa continúe sen abonarlles os soldos.