Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Dirección de Correos “dilapidou” máis de 220.000 € en habilitar a súa oficina técnica en Pontedeume

CIG-Correos demanda a súa dimisión pola “chapuceira” xestión dunha reforma que comezou hai catro anos
A CIG-Correos de Ferrol vén de denunciar a “ gran chapuza ” da Dirección de Correos nas obras de reforma da oficina de Pontedeume, á que se destinaron uns 220.000 € entre indemnizacións aos veciños, aluguer, gastos de mantemento, impostos e reformas de habilitación no garaxe, entre outros. Unha cantidade que, segundo os cálculos de CIG-correos tería permitido investir nunha oficina nova, sen problemas estruturais, ou formalizar 220 contratos de traballo durante 220 meses, garantido o servizo nas zonas da comarca que quedan sen repartir.
Carteiro de correos de reparto

Segundo explican, hai catro anos a Dirección de Correos acordou acometer unha serie de reformas estruturais para mellorar o deseño e a habitabilidade da oficina de Pontedeume. Reformas que tiñan prevista unha duración máxima de seis meses, polo que se decidiu trasladar o persoal á un garaxe, propiedade de Gadesa, situado na mesma rúa.

Pasado ese período a situación non variou en absoluto, debido aos problemas estruturais da oficina na que se ían a acometer as reformas, xa que ao ter unha caldeira de calefacción centralizada de todo o edificio no propio baixo, cuxo funcionamento se producía mediante combustible inflamable, as autoridades competentes denegaron os permisos necesarios para o desenvolvemento no local de calquera actividade produtiva.

Condicións inhumanas

O ano pasado a CIG denunciou as inhumanas condicións laborais  da oficina provisional, logo dos mareos e desmaios que sufrían os traballadores debido á falta de osixeno e os fortes cheiros ao non ter este garaxe ningunha saída de ventilación. A Inspección de Traballo instou a Correos a corrixir as deficiencias ante á ameaza de sanción. No mes de abril do ano pasado, Correos fixo público un prego concursal coa fin de deixar o garaxe e alugar un novo inmóbel, alternativa que non prosperou.

No mes de maio, a Dirección de Correos informou aos sindicatos que se ían reiniciar as obras da oficina que ten en propiedade e remitiu os planos de obra para que se fixeran as oportunas alegacións. Desde CIG-Correos de Ferrol explican que tiveron coñecemento de que os planos remitidos  non foran aínda aprobados polos veciños que habitan o edificio onde se atopa a oficina. A finais de xuño, a Dirección de Correos amañou un acordo cos veciños que consistiu en eliminar a caldeira de calefacción a gasoil a cambio dunha indemnización a cada veciño de 3.100 euros o que suma, en total, case que 25.000 euros.

O gasto total de todo o proceso cífrase en máis de 220.000 euros debido á suma de aluguer, gastos de mantemento, impostos, reformas de habilitación no garaxe e indemnización ós veciños. A CIG critica duramente esta xestión chapuceira por considerar que non debían ter agardado catro anos para finalmente indemnizar aos veciños, porque con esa cantidade poderían ter investido nunha oficina nova cunha estrutura adecuada ou mesmo poderían formalizar 220 contratos de traballo correspondentes a 220 meses co que as zonas da comarca que se quedan sen repartir diariamente estarían debidamente atendidas.

Para a CIG-Correos de Ferrol, este é un “típico exemplo da xestión económica de Correos cuxos dirixentes están a recortar dereitos salariais e de seguridade laboral e despilfarran os cartos en de xeito tan brillante”. Por iso solicitan a dimisión dos máximos responsables de esta situación.

cig.prensa@galizacig.com