A CIG-Ensino explica que na Coruña, na reunión co Inspector Xefe -á que non acudiu a Xefa territorial por estar de vacacións- para falar das peticións dos centros, comunicouse o peche de máis de 10 unitarias (Pesadoira -Negreira-, Anxeriz -Tordoia-, Ribeira -Outes-...) , sen que antes pasase, sequera, pola xunta de persoal. Xunto a iso, comunicouse tamén que a administración non se compromete a cubrir ningunha das prazas solicitadas polos Centros.
Nesta mesma xuntanza, a CIG-Ensino conseguiu o compromiso de cubrir as prazas que queden vacantes polas distintas comisións concedidas.
En Ourense a situación, segundo a CIG-Ensino, chega ao extremo de considerar negociación a entrega das vacantes ofertadas por parte da administración, que é o que se fixo nesta reunión, sen escoitar as necesidades dos centros transmitidas pola central sindical.
En Lugo a situación é aínda máis grave, xa que sobre o recorte anunciado na xuntanza na xefatura territorial aínda recortan 7 prazas de educación infantil.
A CIG-Ensino denuncia que con isto, máis co recorte de prazas en secundaria, moito profesorado interino quedará sen traballo para o curso que vén, mentres os centros seguirán sen ter cubertas as necesidades de profesorado para un ensino de calidade.
Alén diso, avanza que continuará esixindo que se dote os centros co profesorado que os propios centros reclaman, pois son eles os que coñecen as súas necesidades de atención ao alumnado e anuncia que non aceptará ningunha modificación contraria ás solicitudes realizadas polos centros. Da mesma maneira esixirá que non se pechen unitarias nin unidades dos centros.