O Comité de Empresa explica que todo o cúmulo de atrasos, variacións de liñas e demais veñen provocados polo importante número de obras que se están acometendo nas rúas de Compostela e pola improvisación con que se está a actuar desde TUSSA.
Esta empresa municipal de transporte á hora de establecer os horarios e frecuencias do servizo de autobuses non tivo en conta nin os cambios de percorrido, nin o incremento do trafico, nin os continuos atascos que padece a cidade.”Manteñen as mesmas frecuencias e o mesmo número de autobuses para liñas que, por mor dos desvíos, están a ver multiplicados tanto os seus percorridos como as retencións que se provocan”, afirman.
A isto engaden que por mor da celebración do ano Xacobeo o número de usuarios multiplicouse. Porén, “nin TUSSA, nin TRALUSA, tiveron en conta a necesidade de reforzar os servizos coa conseguinte contratación de mais persoal a efectos de poder garantir un servizo de transporte público de calidade”, aseguran.
Por iso recalcan que os e as traballadores/as de Tralusa, lonxe de ser responsábeis desta situación “estamos a padecela día a día, á vez que observamos como as nosas propostas para mellorar a situación caen en saco roto”.