Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O concello de Sanxenxo rebaixa os prezos das prazas do Centro de Día a custo de reducir os gastos de persoal en 53.000 € anuais

A CIG denuncia que se merma a calidade do servizo reducindo traballadores/as e deteriorando as súas condicións laborais
Na súa obsesión por reducir os gastos das administracións, o PP está a rebaixar a calidade dos servizos públicos e as condicións laborais do persoal. Así o vén de denunciar a CIG do Salnés no caso do Centro de Día de Sanxenxo. Un centro municipal para o que acaba de saír a concurso a concesión da súa xestión, na que se contempla unha redución nos gastos de persoal de 53.000 euros anuais. O prego de condicións estabelece tamén unha rebaixa do prezo da praza para os usuarios, que a CIG considera moi positiva, pero que entende que debe facerse a custo de reducir os beneficios empresariais ou de incrementar a aportación do concello e, en ningún caso, supor un deterioro da calidade asistencial, do número de traballadoras/es ou dos seus salarios.

O centro de Día de Sanxenxo está aberto desde o ano 2004. É un servizo social municipal xestionado en réxime de concesión. O 1 de agosto o concello anunciaba o contrato da súa xestión desde o 17 de agosto até o 30 de setembro, sen posibilidade de prórroga, e o 14 do mesmo mes, a través do DOG, anunciábase a licitación para a contratación dunha nova concesión, desta volta cunha duración de catro anos.

Segundo explica Xoán Xosé Bouzas, da Unión Local da CIG-Salnés, a diferenza entre ambos os anuncios de contratación están no prezo da praza para cada usuario. No primeiro contrato, o prezo máximo era de 674,54 € ao mes e o do transporte de 54,19 € ao mes. Un total de 728,73 € ao mes, sen IVE.

Porén, no segundo prego de condicións (o publicado no DOG), o prezo máximo por usuario/a será de 473,14€ e o do transporte, de 50 €. Ou sexa, un total de 523,14 € ao mes, sen IVE. “Se ese é o prezo da praza e o beneficio industrial contemplado é do 6%, logo até o de agora a empresa adxudicataria estaba obtendo uns beneficios do 47,66%”, afirma Bouzas.

O representante da CIG explica que este concurso baséase nun orzamento estimado de 60 usuarios/as e un prezo máximo por praza e transporte, pero asegura que o prego de condicións presenta abondosas imprecisións. “Sobreenténdese que vai ser aboado polo concello, pero tendo en conta que o centro de día ten unha capacidade para 80 usuarios/as, non se especifica se o contratista pode ofertarlle a outros usuarios as prazas dispoñíbeis non utilizadas polo concello; se esas prazas están vinculadas polo prezo máximo de licitación ou se o contratista pode utilizar as instalacións e os medios do concerto para prestar outros fins, sempre que resulten compatíbeis e sen menoscabo da prestación dos servizos prestados polo concello”.

Bouzas pregúntase ademais, se o concello terá comunicado xa ás persoas usuarias a redución que van ter nas súas aportacións ao servizo, xa que “moitas persoas, até o de agora, ao mellor non levaban aos seus maiores ao centro porque tiña un custo moi elevado e ao reducírense si poderían”. De non telo feito, indica, “estaría actuando de mala fe”.

Condicións laborais

Alén disto, para a CIG son especialmente preocupantes os axustes que se pretenden en canto ao cadro de persoal. O centro conta actualmente con 19 traballadoras/es, pero o persoal previsto é de 15, para o que se contempla ademais unha modificación de xornada. Esa redución de cadro de persoal supón unha diminución anual dos gastos en 53.000 euros, e todo indica que aquí estaría a explicación da rebaixa dos custos.

Esa redución do persoal suscita dúbidas para o representante da CIG “respecto de se se cumpren as rateos de persoal de atención e número de usuarios/as”. Por iso anunciou que van contactar coa Consellaría de Traballo e Benestar para comprobar este aspecto.

Xoán Xosé Bouzas subliña, xunto a isto, que “na relación de persoal previsto desaparece a figura de ‘colaborador médico’, pero nos criterios de persoal di que se prestará unha asistencia médica en xornada descontinua”. Isto fai temer á CIG unha perda de calidade asistencial.

No prego tampouco se menciona a obriga da empresa contratista, de acordo co convenio colectivo, da subrogación de todo o persoal, que é de carácter obrigatorio. A isto engádeselle que teñen contratos eventuais, cando pola súa antigüidade deberían ser de carácter indefinido. “Todos os contratos están en fraude de lei agás un, porque terían que ser fixos”. Unha situación que a CIG xa puxo en coñecemento da Inspección de Traballo para que interveña.

Outro dos aspectos rechamantes do prego é que neste figura unha previsión de incremento anual dos custos dos servizos nun 4’5%. O único gasto que non se incrementaría sería o de persoal. “Non se ten en conta o convenio colectivo de aplicación. Ou é que xa se pensa en descolgarse ou non aplicalo?”, pregúntase Bouzas quen conclúe, ante isto, que “a estimación de gastos é totalmente irreal o que significa que calquera licitador vaise atopar cunha realidade totalmente diferente á que figura no prego de condicións”.

Para a CIG é obvio, xa que logo, que a redución do prezo da praza ten que se facer a custo dos beneficios empresariais ou incrementando as aportacións municipais, non a custo de reducir o número de traballadores/as e das súas condicións salariais, que terá como consecuencia unha merma na calidade do servizo e na asistencia das persoas usuarias. Bouzas afirma con contundencia que a CIG “vai a loitar polo mantemento dos postos e das condicións de traballo de todo o cadro de persoal” e en defensa duns servizos sociais públicos e de calidade.

cig.prensa@galizacig.com