O escrito, que comeza cun agradecemento a todos os cidadáns e cidadás que amosaron o seu apoio ao colectivo de traballadores/as, lembra que a maior parte das/os despedidas/os formaban parte da cadea de produción “a aposta máis rendíbel da empresa e a man de obra máis barata”. Así mesmo, sinalan que esta sección, tal e como se recoñece no informe da Inspección de Traballo desfavorábel ao ERE, era a única que non presentaba fallos na organización e que non resultou un factor desencadenante da crise de Caramelo nin da súa mala situación.
Pola contra, o informe refírese á mala xestión empresarial e á toma de decisións equivocadas de xeito continuado, sen que se teña demostrado que a extinción de 237 empregos na cadea de produción vaia garantir a viabilidade da planta. “O seu labor (polos cadros directivos), como recoñece a Inspección resultou ser penosa, excepto para o peto de Manuel Jove, que non dubidou en recompensar esta xestión con soldos entre 3.000 e 9.000 euros e, nalgúns casos, até 15.000 euros”.
Axudas da Consellaría de Traballo e Economía
Dende o colectivo de ex-traballadoras/es de Caramelo afirman que “Jove e Xunta copropietarios de Caramelo, despiden con cartos de todos os galegos e galegas”. Neste senso, queren lembrar que nove meses antes de presentarse o ERE, as Consellarías de Economía e Traballo concederon axudas públicas por valor de máis de 4.000 millóns das antigas pesetas, sen exixir á dirección da empresa un plano de negocio e sen garantías para as axudas públicas, tal e como ten acontecido coa aprobación do expediente de regulación.
Por esta razón, as e os afectados polo ERE de Caramelo manifestaron as súas dúbidas a respecto do papel da Xunta como garante do emprego, que considerou non vinculante o informe da Inspección, pero si dunha acta de votación “ a todas luces ilegal, contravindo así as máis elementais normas de convivencia en democracia”.
Asemblea ilegal
No comunicado hai un apartado referido aos últimos procedementos, previos á aprobación definitiva da regulación de emprego, que cualifican como “terrorismo patronal”. As/os traballadoras/es defenden a validez da votación do pasado 23 de xullo, na que se rexeitaba “publica e democraticamente por maioría”, a oferta achegada pola empresa ao non cumprir as reivindicacións do persoal.
“Tras a mesma”, sinalan, “nun complot sen precedentes no ámbito laboral galego, a empresa promoveu unha nova votación, auspiciada por CCOO, sindicato minoritario, co beneplácito de Beatriz Mato e orquestrada por un grupo de traballadores “esgotados”. Traballadores/as, explican no escrito, que dende o inicio do conflito permaneceron á marxe, sen involucrarse nin participar nas asembleas, xa que o ERE non lles afectaba.
Non escatiman críticas tampouco este colectivo de traballadores/as á hora de denunciar os efectos que para CCOO a decisión de non respectar a decisión da asemblea e de apoiar un acordo que restrinxe os dereitos dos empregados/as de Caramelo que quedan aínda na factoría.
Finalmente, as traballadoras e traballadores recordan que agora serán os tribunais os que resolverán se estas actuacións teñen obrado conforme a dereito, así como a responsabilidade penal que proceda en cada caso.