Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 29/9/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores de Bis Multiservicios mobilízanse na defensa dos seus empregos ás portas de entrada de Alcoa

A multinacional do aluminio cesou a contrata coa empresa de montaxe de andamios
Os traballadores/as de Bis Multiservicios Industriales e delegados/as da CIG están levando a cabo concentracións diarias diante dos accesos á fábrica de Alcoa en San Cibrao (Lugo) na defensa dos seus empregos, logo de que a multinacional do aluminio cesase a contrata de montaxe e de andamios á esta auxiliar.

Dende o luns 28 de setembro e, cando menos, até o vindeiro xoves, os traballadores/as de Bis Multiservicios están levando a cabo concentracións diarias dende as sete da mañá diante da entrada de Alcoa, co obxectivo de facer visíbel o conflito que padecen e amosar o seu malestar pola falla de garantías sobre o seu futuro laboral.

Bis Multiservicios encargouse durante os últimos anos das tarefas de montaxe de andamios para a planta de Alcoa en San Cibrao, aínda que a partir do 1 de outubro será a empresa Cyrgasa a encargada de realizar estas tarefas.

Neste momento o futuro dos 23 traballadores/as de Bis Multiservicios (15 operarios, sen contar cadros de mando e cargos directivos) está pendente dun fío. Dende un primeiro momento, a nova empresa amosou o seu desinterese por contar coa totalidade do persoal, algúns deles con máis de 30 anos de antigüidade, indicando que só necesitaba “7 ou 8” operarios.

Finalmente, Cyrgasa aceptou a subrogación de 11 traballadores/as e un xefe de obra, mentres que pretende deixar fóra a catro persoas, dúas das cales son delegados sindicais (un de CIG e outro de CCOO). Non obstante, dende a CIG-Metal de A Mariña sinalan que o persoal non sabe nada do seu futuro, pois non lle foi comunicado o cambio de empresa, e podería darse o paradoxo de que o vindeiro xoves Cargasa entrase no servizo sen o persoal necesario. 

Así, e ante a falta de comunicacións por parte das empresas, os traballadores/as volverán mobilizarse o mércores ás portas de Alcoa.

cig.prensa@galizacig.com