Segundo a sección de Autonómica da federación de Administración da CIG, as principais eivas que presenta este decreto son:
1. Queda aberta a porta de atrás para que sociedades mercantís e fundacións poidan seguir contratando persoal. Esta esquina do sector público onde apenas rexen as normas propias da Administración se vai confirmar como espazo caciquil con liberdade dos xestores destas sociedade e fundacións para ter persoal propio seleccionado por eles mesmos.
2. Trata do mesmo xeito situacións distintas: persoal laboral da Xunta que aprobou oposicións e foi obrigado a renunciar a tal condición para traballar nun ente; persoal dos entes con procesos selectivos homologables; e persoal que entrou sen ningún tipo de selección nalgún dos chiringuitos.
3. Mantén situacións de privilexio para determinadas persoas que poden integrarse como persoal laboral da Administración autonómica con salarios de presidente da Xunta. Fronte aos recortes sufridos polos empregados públicos parte do persoal que se vai poder integrar procede de entes onde as súas retribucións son moi superiores ás establecidas no V Convenio Colectivo Único, chegando nalgúns casos a ser similares ás do presidente da Xunta de Galiza. Ao mesmo tempo, o persoal con condicións por debaixo do convenio mantense nesa situación misérrima, constituíndo estas dúas cuestións un agravio.
4. Pasamos dun primeiro borrador de decreto que regulaba a situación do persoal dos entes en caso de desaparición ou disolución a un decreto que vai permitir que calquera ente que adapte os seus estatutos á Lofaxga poida converter ao seu persoal en laboral fixo da Xunta, incluso sen ter pasado un proceso selectivo.
5. Non se establecen garantías para que os procesos derivados deste decreto non impliquen a perda de emprego público, nin sequera para que os postos de persoal laboral temporal da Xunta non corran perigo de ser asignados a persoal procedente das entidades instrumentais.
A falta de valentía de Feijóo para poñer fin a un modelo de Administración con chiringuitos que funcionan como reinos de taifas choca coas declaracións grandilocuentes de principios desta lexislatura onde pretendía aparecer como defensor dunha Administración transparente.
Dende a CIG imos a seguir opoñéndonos a calquera proxecto deste Goberno que intente confirmar, reforzar ou restablecer os sistemas e métodos caciquís de xestionar o emprego público e a calquera política escurantista que intente deixar sectores da Administración fóra do control público.