Independentemente deste proceso xudicial, a CIG vai remitir toda a documentación tanto á Dirección Xeral de Transportes, como á de Mobilidade da Xunta de Galiza, responsábeis da concesión das licenzas públicas das que desfruta esta empresa. “Terán que decidir se seguen dando cobertura ao acoso laboral contra esta traballadora que, neste intre xa se converteu nunha agresión física”, advirte o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón.
Alén diso, a CIG vai denunciar pola vía social e pola vía penal o acoso laboral ao que vén sendo sometida Pisco. Pavón afirma que é “inadmisíbel que se permita a unha empresa, condenada en sentenza firme por despedimento nulo, onde quedan acreditadas as presións ás que estaba sendo sometida a traballadora, que esta agresión machista quede como un simple problema entre a traballadora e o encargado”.
Denuncia ademais que o encargado está sendo respaldado en todas as actuacións pola empresa Hedegasa e que mentres, “as administracións miran para outro lado, como se non fora con elas”. Xunto a isto, pregúntase “que ten que pasar para que o SGI ou a Xunta actúen neste caso” e anuncia que, da mesma maneira que se fixo cando se iniciou esta situación, a CIG volverá a comunicarlle os feitos vía Consello Galego de Relacións Laborais a Transportes e á consellaría.
A CIG tamén ten previsto solicitar unha reunión coas ANPAS de Ames e Teo, onde Autobuses de Calo realiza o servizo de transporte, para que explicarlles a situación pola que está a pasar a traballadora e explorar vías de presión conxuntas.
Alén diso, denunciará publicamente a José iglesias, encargado de Hedegasa e agresor da traballadora, tal e como se fixo hoxe na concentración celebrada diante dos xulgados de Fontiñas, coincidindo coa vista. Unha concentración na que participaron representantes da FGAMT, da CIG da comarca de Santiago e a propia secretaria confederal de Muller da CIG, alén de delegadas e delegados sindicais e persoas que se achegaron para amosar a súa solidariedade con esta traballadora.