Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 3/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG reclámalle a Medio Rural que investigue o sinistro que lle custou a vida a un membro do servizo de extinción de incendios

A central nacionalista solicita tamén a convocatoria do comité de saúde laboral despois do acontecido en Monterrei
A CIG esíxelle á Consellería de Medio Rural que investigue de xeito inmediato o fatídico accidente aéreo no que faleceu un piloto con base en Beariz (Ourense) mentres participaba nas labores de extinción dun incendio na zona de Monterrei. A central nacionalista reclama que sexa o propio conselleiro o que compareza no Parlamento para explicar o acontecido e solicita a convocatoria do comité de saúde laboral.

A federación de Administración da CIG esíxelle a Medio Rural, como vén facendo en repetidas ocasións, o cumprimento das medidas de seguridade laboral non só dos traballadores/as dos medios aéreos, senón de todos os que integran o operativo de prevención e extinción de incendios forestais. “Estamos constatando as deficiencias existentes nas citadas medidas en todas as categorías profesionais, co risco que iso representa para as persoas que xornada tras xornada están a traballar en condicións extremas nos incendios forestais”, denuncian.

Ao mesmo tempo, critican o desmantelamento do servizo de prevención e extinción da Xunta de Galiza “nun momento no que o noso país arde polos catro costados”. Neste senso, lembran que entre o 24 e o 25 de setembro cesaron un bo número de operarios, “quedando o servizo descuberto en moitas das categorías, co risco que iso representa para o medio ambiente e para a sociedade en xeral”. Na central nacionalista consideran que o operativo existente neste intre non é suficiente para extinguir o número de incendios que se rexistran, “dándose a circunstancia que lumes que comezan a media tarde non están rematados ata o día seguinte”. Lembran que Medio Rural dispón dos medios tecnolóxicos precisos para coñecer a climatoloxía cunha unha semana de antelación, “polo que foi coñecedora do que se viña enriba”. Na CIG consideran que o Goberno galego é responsábel por falta de previsión.

Por outra banda, a central nacionalista esíxelle a Medio Rural que convoque urxentemente o Comité de Saúde Laboral do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de cara á investigación do sinistro e á revisión dos protocolos de emerxencia. “Tamén lle pedimos a entrega da avaliación de riscos de todo o persoal, obriga que a Xunta aínda non ten cumprido e que dende a CIG vimos solicitando reiteradamente”, rematan.

cig.prensa@galizacig.com