A marcha, que partiu ás doce do mediodía dende a Praza de Europa, celebrouse xusto un mes despois de producirse o vertido de máis de 37.000 litros de queroseno á ría, ao que seguiu un novo vertido de augas residuais ao día seguinte, agravando así a pésima situación da calidade das augas desta área.
Coa marcha, quérese pór tamén de manifesto a plena vixencia das reivindicacións coas que se puxo en marcha a Plataforma hai xa catro anos: falta de avances na aplicación de sancións aos causantes directos ou indirectos dos vertidos, aínda non rematou o proxecto integral de saneamento (de feito a propia Xunta recoñece que están controlados menos do 80% dos vertidos); a EDAR de Bens continúa sen ter un funcionamento pleno: etc. Ademais, a produtividade da ría continúa descendendo e dende o ano 2009 as zonas produtivas pasaron do 25% ao 21% actuais.
Perante este deterioro, a Plataforma, que agrupa a máis de 30 organizacións, critica a incapacidade da administración galega e estatal para sentar a negociar, así como as polémicas estériles nas que se escudan ambos gobernos para eludir as súas responsabilidades ante a contaminación e deterioro que padece a ría do Burgo. Por iso, reclaman ao Estado español que complete o plan de rexeneración da ría e á Xunta de Galiza que leve a cabo o dragado e a limpeza de lodos.
Dende a Plataforma e o colectivo de traballadores/as do mar xa advertiron que continuarán coa loita mentres non se produza un avance no proceso de rexeneración e limpeza da ría, polo que non descartan a convocatoria de novas mobilizacións nos próximos días.