O Secretario da CIG-Metal de Lugo, Antonio González, criticou as nulas perspectivas de futuro traídas polo titular de Industria, xa que a única concreción que fixo José Manuel Soria referiuse a que non será até dentro de 20 días (unha vez pasados os comicios galegos) cando se tome unha decisión a este respecto. E non será até xaneiro de 2013 cando o goberno poña en marcha un sistema–que non quixo concretar en que consistirá- a través do que supostamente quedará garantida a viabilidade das fábricas de Alcoa.
Neste senso, cómpre subliñar que as palabras do propio Conselleiro de Industria, Javier Guerra, asegurando que o futuro de Alcoa no noso País non vai depender da tarifa eléctrica, poñen en dúbida a efectividade de calquera medida adoptada dende a administración e as propias intencións da multinacional.
“Seguimos estando igual, ou peor, pero con menos tempo”, valoraba González, tras da visita do Ministro e da reunión que o Comité mantivo este mércores coa dirección da planta de San Cibrao. Para o responsábel do Metal, tamén resulta curioso que o director da fábrica cualificase agora de meramente “orientativa” a data do 5 de outubro fixada pola empresa como tope máximo para obter unha solución.
Para González resulta unha burla que o ministro realice esta visita en plena precampaña electoral para non esclarecer nada e deixar na máis absoluta incerteza o futuro de miles de postos de traballo, x que até dentro de 20 días non se anunciarán medidas. Ao mesmo tempo entende que se trata dun malgasto de cartos públicos, xa que o acto supuxo un enorme custe económico en medidas de seguridade e recursos materiais e humanos, nun momento no que o PP se vale do emblema da austeridade para aplicar brutais recortes en servizos básicos, dereitos e prestacións.
Con estas montaxes propagandísticas, os gobernos do PP volven demostrar que non lles interesa o futuro da industria do aluminio galego nin os miles de empregos que dela dependen. Cómpre subliñar que o Ministro viaxou até A Mariña pero se negou a visitar a planta de Alcoa na Coruña e tan só aceptou recibir durante uns breves minutos a un representante do Comité, ao que só lle trasladou boas palabras.
A CIG volve reclamar da Xunta e do Goberno estatal un compromiso firme na defensa dos postos de traballo e un esforzo para garantir o futuro da actividade industrial nas comarcas da Mariña e da Coruña.
Ante esta situación, a central nacionalista invita aos traballadores/as das dúas plantas de Alcoa a que participen nas manifestacións que a CIG ten convocadas o xoves 4 de outubro en contra das políticas de recortes e axustes aplicadas polos gobernos do PP.