Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 3/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Milleiros de persoas claman en Vigo por unha sanidade pública de calidade e un hospital sen recortes

A Plataforma SOS Sanidade Pública acusa á Xunta de utilizar a escusa da crise para privatizar o sistema sanitario
Varios milleiros de persoas participaron esta tarde e Vigo na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e a Xunta de Persoal da área sanitaria para esixir unha sanidade pública de calidade e reclamarlle á Xunta que recupere a concesión do novo hospital e remate a obra “dende o ámbito do público”. Dende o colectivo acusan á Xunta do PP de utilizar a escusa da crise para desmantelar o sistema sanitario público galego.

A marcha partiu pasadas as oito da tarde da Praza dos Cabalos e completou en pouco máis dunha hora o traxecto até a Porta do Sol, onde se deu lectura a un manifesto. O acto pechouse coa interpretación do Himno Galego.

TEXTO ÍNTEGRO DO MANIFESTO:

A crise económica é utilizada como escusa polo actual goberno central e pola Xunta, para realizar profundos recortes na sanidade pública que están a producir un impacto severo na calidade asistencial e nas condicións laborais do persoal que traballa na Sanidade pública.

Cando o PP ocupou o poder en Galicia no ano 2009, Núñez Feijóo afirmou que levaría a cabo políticas de austeridade pero sen reducir os orzamentos de sanidade, educación e servizos sociais. Mentiu dobremente: estes departamentos son os máis atacados polas súas actuacións e ademais, durante o seu mandato, a débeda medrou en Galicia o triplo que a do ano 2009.

A política sanitaria do Partido Popular está orientada a recortar o dereito á saúde para transformalo nunha mercadoría. Pretende desmantelar o sistema sanitario público, potenciar o aseguramento privado e dar participación ás empresas privadas na prestación de servizos sanitarios con diñeiro público.

Hai unha estratexia global -impulsada polo FMI e o BCE- que o goberno do PP está a impoñer en Galicia desde o inicio da lexislatura.  As diferentes medidas adoptadas (redución dos orzamentos sanitarios, recorte das prestacións, restricións no acceso aos servizos, externalización de actividades, privatización da xestión hospitalaria etc) están enmarcadas nesta corrente ultraliberal e motivadas pola mesma estratexia: a precarización dos servizos sanitarios públicos e a definición de espazos de negocio para a sanidade privada.

Os elementos básicos da estratexia sanitaria desenvolvida polo PP en Galicia son:

1.- Deterioración e descapitalización do sistema sanitario público

O orzamento sanitario sufriu unha importante redución (300 millóns de euros respecto do ano 2009, o que representa o custo do novo hospital de Vigo). Este recorte traduciuse na paralización de programas clave e na redución da actividade dos servizos asistenciais.

Suprimiron o Plan de Mellora da Atención Primaria; paralizaron a actividade hospitalaria de tarde, co consecuente aumento das listas de espera, desmantelaron parcialmente e fixeron recortes nas áreas sanitarias do Barco, Barbanza, Monforte, Burela, Salnés e Verín; suspenderon o desenvolvemento do Plan da Muller e abandonaron definitivamente o Plan de Saúde Mental; suprimiron os programas de atención a drogodependentes  e pacientes con SIDA.

Houbo unha total ausencia de políticas de racionalización e de mellora da calidade, o que supón o mantemento do gasto farmacéutico máis alto do Estado, por non desenvolver estratexias integrais e polo uso irracional dos recursos, polo que se malgastan máis de 1.300 millóns de euros ao ano.

Realizaron unha drástica redución do persoal co despedimento de interinos e contratados e a xubilación forzosa de médicos aos 65 anos, amortizando a maioría das  súas prazas pois só repuxeron o 10% das vacantes resultantes.

2.- Privatización da estrutura do sistema e dos servizos asistenciais

A única partida do orzamento sanitario público que experimentou un incremento foi a de concertos co sector privado.Privatizaron servizos estratéxicos para o funcionamento do sistema como a Central de Chamadas, a Plataforma Informática, a Central de Compras e ata os procesos de provisión de prazas e adxudicación de concursos.

Van continuar e mesmo mellorar o concerto singular de Povisa, para o que recortaron o proxecto de novo hospital de Vigo, no que suprimiron as 400 camas previstas para absorber a atención da poboación atendida ata agora por este centro privado.

Privatizaron o financiamento, construción e xestión dos novos centros como o novo hospital de Vigo que, ademais de multiplicar os seu custo de construción que pasa de 250 a 1.400 millóns de euros (1.800 se incluímos todos os conceptos), sufriu un serio recorte na súa superficie, camas, servizos e na calidade dos materiais e equipamento.

Manteñen a MEDTEC disfrazado de GALARIA, que ven actuando como un instrumento dirixido á privatización dos recursos e controis tecnolóxicos e a facilitar a penetración do sector privado na sanidade pública.

3.- Desmantelamento dos alicerces do sistema: Universalidade, equidade e accesibilidade aos servizos

O desenvolvemento en Galicia do Real Decreto 16/2012 supón rachar ca Sanidade Pública Universal e introducir o copagamento (repago) por servizos e prestacións sanitarias. Este Real Decreto obriga aos pensionistas a pagar unha parte dos medicamentos, as próteses, o transporte en ambulancia non urxente, e os alimentos especiais.

Tamén contempla a supresión da Carteira de Servizos única, universal e gratuíta no momento do uso.  Haberá servizos básicos, complementarios e accesorios. A sanidade pública limitará a súa cobertura gratuíta ao paquete básico, e haberá que pagar polo resto das prestacións (ben directamente ou mediante un seguro privado complementario).

Neste grupo de servizos optativos pretenden incluír as mamografías, os tratamento de esterilidade, a rehabilitación etc. Núñez Feijóo anunciou tamén a súa intención de que os pacientes hospitalizados paguen a comida, a limpeza ou mesmo as cadeiras utilizadas polos acompañantes.

Fronte a estas políticas a Plataforma SOS Sanidade Pública propón:

1. Incrementar o gasto sanitario para recuperar o nivel do ano 2009.

2. Elaborar un Plan de Saúde que responda ás necesidades reais de todos os cidadáns e garanta a racionalidade e a equidade.

3. Desenvolver políticas para racionalizar o gasto sanitario en lugar de recortar dereitos e prestacións.

4. Recuperar o modelo de financiamento público para construír, reparar e xestionar todos os centros sanitarios. Hai que denunciar o incumprimento do contrato polas empresas concesionarias para a construción do novo hospital de Vigo e devolvelo ao financiamento e xestión pública.

5. Pór en marcha unha política incentivadora do persoal sanitario, consensuada cos traballadores e os seus representantes, que contemple incentivos á calidade, a racionalidade e a produtividade dos traballadores sanitarios.

6. Recuperar os Programas da Muller, Saúde Mental, Drogodependencias e o de atención a persoas con SIDA.

7. Pechar GALARIA reintegrando os seus recursos e funcións ao sistema sanitario público.

8. Anular o Concerto Singular de POVISA, que debe converterse nun centro concertado por patoloxías con carácter complementario.

9. Potenciar a Atención Primaria, elaborando un novo Plan de Mellora, que inclúa a creación de novas prazas, a construción dos 66 centros de saúde previstos, a eliminación das trabas para solicitar probas diagnósticas e a redución da burocracia.

10. Recuperar a xestión pública (co persoal público da Conselleria e do Sergas) dos servizos de apoio, especialmente a Central de Compras, a Plataforma Informática, o Centro Loxístico de Almacenamento e Suministro e os procesos de decisión sobre prazas e concursos.

11. Manter e dotar adecuadamente as Áreas Sanitarias cos recursos necesarios para planificar, xestionar e atender de xeito integrado as necesidades e problemas de saúde dos cidadáns con eficiencia, racionalidade e equidade.

12. Suspender a aplicación en Galicia do Real Decreto 16/2012, que supón unha verdadeira contrarreforma sanitaria, que racha coa Sanidade pública universal recuperando a figura do “asegurado”, e que implica a imposición do copagamento farmacéutico para os pensionistas, a limitación de determinadas prestacións e a supresión do dereito á asistencia dos inmigrantes.

13. Desenvolver os instrumentos sanitarios para a participación e responsabilización de cidadáns e traballadores sanitarios na planificación, xestión e control da actividade dos servizos sanitarios. Propoñemos pór en marcha unha escola de formación para a participación cidadá.

14. Incrementar os recursos para a atención a enfermos crónicos e a coordinación cos Servizos de Atención á Dependencia a nivel de cada Área.

Estas son as medidas que propón a Plataforma SOS Sanidade Pública, pero defender á Sanidade Pública é responsabilidade de todas e de todos, de non facelo todas e todos pagaremos as consecuencias, e nos próximos días teremos a ocasión de facelo, cando vaiamos a votar fagámolo defendendo á sanidade pública.

Galería de imaxes da manifestación.

cig.prensa@galizacig.com